LG segue apostando pola gama alta coa presentación do G2

Xa non é a primeira vez que comentamos que LG marcou como prioridade para este ano volver posicionarse como alternativa na gama alta, non hai máis que ver os smartphones nos que están a fixar case toda a atención da compañía este ano: o Optimus G e o Optimus G Pro.
Co G2, o fabricante coreano vai un paso máis aló marcando as diferenzas de gama xa desde o nome, onde eliman a palabra Optimus, que a partir de agora usarán unicamente para os terminais máis básicos. Mais, obviamente as características deste terminal son tamén marca diferenciadora.
O primeiro que chama a atención é o seu procesador, un Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 2,26 GHz, sendo o máis potente que temos agora mesmo no mercado. Está optimizado para as redes 4G e 4G Advanced, ademais de reducir o consumo de batería.
Cámaras e son
A cámara principal é de 13 megapíxeles, mentres que a frontal queda nos 2,1. Ademais incorporan Optical Image Stabilizer (OIS), coa que se conseguen imaxes moito máis nítidas, mesmo en ambientes escuros ou en movemento. Segundo apuntaron,  é a primeira vez que se integra nun dispositivo con tanto megapíxel.
Outro punto forte do novo smartphone de LG é o son, sendo capaz de reproducir en alta fidelidade a 24 bit/192 KHz, aínda que para poder sacarlle todo o partido a esta funcionalidade debérase ter son gravado así, polo que apunta máis a unha característica márketing.
Botón traseiro
Chama a atención a posición dos botóns, que pasan de estar nun lateral a situarse na parte traseira, pois segundo comentaron durante a presentación é o lugar máis lóxico atendendo a como a como collemos un terminal na man. Tamén nos sorprendeu que o acendido do móbil pode facerse facendo knock-knock sobre a pantalla, grazas a KnockON.
A pantalla é de 5,2 polgadas, cunha resolución de 1080 x 1920. Ten un grosor de 2,65 mm grazas á tecnoloxía Dual Routing, ademais de ser de full HD.
Funcionalidades software
No que ten a ver co software, leva Android 4.2.2 e unha capa de personalización na que incluíron funcionalidades como Answer Me (responde ao achegar o teléfono á orella), Plug & Pop (recomenda cousas ao conectar auriculares), Text Link (para gardar  textos), Quick Remote (uso como mando a distancia), Slide Aside (xestión da multitarefa) ou Guest Mode (protexe a información propia para poder deixar o terminal a outra persoa).


Outras características e dispoñibilidade

Conta con 2 GB de memoria RAM, versións de 16 / 32 GB e batería de 3000 mAh. Estará dispoñíbel en 2 cores (branco e negro) de xeito global nas próximas 8 semanas, aínda que polo de agora non podemos confirmar o prezo.

Que vos parece este novo dispositivo?

Sobre o autor

No Responses

Reply