Algún directivo de LG adiantou a mediados de ano que estaban a traballar nunha tablet que vería a luz “en meses”, tras o fracaso comercial do Optimus Pad de hai un par de anos. Coa IFA de Berlín á volta da esquina os rumores e filtracións cobran forza e xa temos en man os primeiros supostos datos técnicos da tablet na que LG estaría a traballar, a LG G Pad.
Este trebello contaría cunha pantalla de 8,3 polgadas con resolución 1920 x 1200, unha medida a medio camiño entre os dous “estándares” das tablets (7 e 10 polgadas). Integraría un procesador de catro núcleos, 2 GB de memoria RAM e estaría fabricado en alumnio, o que fai pensar en que será lixeiro e delgado.
Teremos que agardar até o día 5, data na que ten programado o evento LG, para saber se estes datos son correctos ou se temos algunha outra sorpresa por parte deste fabricante coreano que este ano volve apostar por produtos de alta gama.