Estreamos nova web, tamén nas versións móbiles

O pasado 1 de xullo celebramos o terceiro aniversario do nacemento de Mallando no Android. A ninguén se lle escapa que neste tempo mudaron moitas cousas, entre elas o xeito de consumirmos a información. Por iso entendemos que era o momento de facer un lavado de cara ao blog, cuxo resultado é o que vedes e hoxe vos presentamos.

Principais novidades

O primeiro que fixemos foi mudar o hosting, pasando de estar aloxados no servizo Blogger a contar con hosting propio coa empresa galega Dinahosting e traballar con WordPress, o que nos ofrece moita máis maniobrabilidade para as nosas necesidades actuais. O resto dos cambios van na liña dunha mellora estética, de categorización e organización do contido, ademais de facilitar a compartición dos artigos nas redes sociais. A continuación detallámosvos os cambios máis relevantes:

distribucionweb

  • Menú superior (1). É o espazo no que falamos de nós, temos os enderezos de contacto, as ligazóns ao resto de blogs de Vencello… e algo moi importante, a nova sinalización RSS (se nos les desde algún lector de feeds, mira de actualizar a suscrición cos novos datos, porque isto mudou).
  • Redes sociais e buscador (2). A continuación sitúanse os botóns de acceso ás nosas redes sociais (Twitter, Google+ e Facebook) e o buscador, unha funcionalidade amplamente demandada por todas e todos vós e que nunca chegou a funcionar ben na anterior páxina. Desta vez témolo máis que probado e atopa o contido interno do blog sen problemas (como debera ser, non?).
  • Ventá dinámica horizontal (3). Neste espazo van aparecendo comentarios, entradas… diferentes aspectos que queremos que teñan presenza na portada da web e que iremos configurando de xeito diferente co paso do tempo.
  • Menú de despregábeis por categorías (4). Na páxina principal diferenciamos con dúas cores os menús dos especiais do momento (neste intre Google Glass e IFA 2013) do resto de categorías máis estáticas, que están organizadas nos menús despregábeis.
  • Entradas (5). Na páxina principal este espazo diferenza entradas destacadas ou máis recentes das que xa levan un tempo publicadas. Abrindo cada unha delas poderemos compartilas de xeito doado nas redes sociais grazas aos novos botóns ou deixar comentarios (é posíbel que teñamos que aprobar o teu primeiro comentario para evitar spam pero, feito unha vez, non terás que facelo máis). Así mesmo, ao pé do artigo situaranse até 3 entradas relacionadas.
  • Barra lateral esquerda (6). Finalmente, neste espazo dispomos un menú de entradas e comentarios destacados que se mantén durante toda a navegación do blog (algo que non acontece, por exemplo, coa ventá dinámica horizontal) ou o banner de acceso á sección Made in Galiza. Pretendemos ir situando outras cousas en destaque neste espazo.

Móbiles e tablets

webmobil

Nos últimos tempos, nomeadamente nos meses que levamos do 2013, detectamos un crecemento importante de accesos á web desde tablets e móbiles, polo que tamén quixemos ter moi presentes estas plataformas á hora de afrontar a reforma da web. A nova imaxe de Mallando no Android adáptase a calquera tamaño de pantalla, e mesmo á colocación vertical ou horizontal do aparello. É dicir, a disposición de novas e menús será dinámica para presentarse do xeito máis cómodo para a pantalla desde a que nos esté a ler o usuario. Así mesmo tamén se axusta automaticamente o tamaño das imaxes para unha carga máis rápida en conexións móbiles.

Compromiso con Android e co País

O que non muda coa reforma da web é o noso compromiso coa información independente e de calidade sobre o mundo tecnolóxico e, particularmente, en todo o que ten a ver con Android. Tampouco  muda o compromiso co noso idioma, o Galego, nin co País, Galiza. Por iso seguiremos a impulsar e visualizar de xeito especial o traballo feito por desenvolvedores/as, empresas, usuarios/as… desde o País ou con repercusión para o mesmo.

Quedamos á espera das vosas impresións sobre os cambios. Benvidas e benvidos.

Sobre o autor

3 Comments

  1. dinisinho 19 Agosto, 2013 Responder
  2. xhadrian 19 Agosto, 2013 Responder
  3. canselleiro 19 Agosto, 2013 Responder

Reply