Galaxy Tab 3 Kids, a tablet de Samsung pensada para as e os máis pequenos da casa

Galaxy Tab 3 Kids - dock

Hoxe en día temos tal número de alternativas cando pretendemos facernos cunha tablet que é preciso diferenciarse dalgún xeito. Xa temos comentado por acó que existen algúns dispositivos orientados aos coches, á cociña ou ás e aos pícaros da casa.

Neste senso, Samsung non quere perder o seu anaco da torta das tablets con público obxetivo marcado e por iso vén de presentar a súa nova Galaxy Tab 3 Kids. Como podedes imaxinar polo nome, trátase dunha revisión da Galaxy Tab 3, polo que as diferenzas técnicas son menores. Así, estamos a falar dun trebello con pantalla de 7 polgadas (1024 x 600 píxeles), procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. Ten dobre cámara (1,3 e 3 megapíxeles), batería de 4000 mAh e conectividade WiFi.

Galaxy Tab 3 Kids

As principais diferenzas atopámolas dunha banda no deseño, onde ademais da cor amarela destaca a protección lateral e o dock (que imaxinamos venderán por separado), e no sistema operativo, xa que sobre Android 4.1 Jelly Bean introducen unha serie de ferramentas educativas e outras relacionadas co control parental (por exemplo, permite elixir o tempo de uso ou as aplicacións utilizábeis polos pequenos).

Está previsto que saia á venda a semana que vén en Corea e, posteriormente, en Europa. Polo de agora non especificaron o prezo que terá.

Sobre o autor

Reply