Malia que xa fora anunciada por nota de prensa, LG vén de facer hoxe oficial na IFA de Berlín o lanzamento da súa nova tablet, a G Pad 8,3 que, como xa tiñamos adiantado, fixa o seu tamaño a medio camiño entre as tablets pequenas e grandes coas súas 8,3 polgadas con resolución de 1920 x 1200 píxeles (272 ppp).
O seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 600 a 1,7 GHz, mentres que a súa RAM é de 2 GB e a memoria interna de 16 GB non ampliábeis. Ten dobre cámara (5 e 1,3 megapíxeles) e batería de 4600 mAh.
Como sistema operativo leva Android 4.2.2 Jelly Bean cunha capa de software de LG que engade funcionalidades software semellantes ás que o fabricante coreano vén incorporando aos seus dispositivos nos últimos tempos.
Estará dispoñíbel en dúas cores (branco e negro).