LG trae o novo G2 a Europa. Puidemos probalo

G2 stand

Como publicamos onte, a IFA de Berlín serviulle a LG para dar a coñecer fisicamente a súa nova tablet G Pad 8.9, pois esta fora presentada a través dunha nota de prensa, sen posibilidade de que os medios puidesen trastear con ela para ter unha aproximación ao funcionamento real.

Quen xa fora dado a coñecer con anterioridade é o G2, a nova aposta pola alta gama de LG, polo que a visita á feira berlinesa serviu tamén como presentación europea do mesmo. As súas características xa as detallamos no seu momento, polo que adicamos o noso tempo a trastear co terminal e ver como funciona.

O primeiro que nos sorprendeu del foi o ben que aproveita o espazo, pois case todo o que vemos na súa frontal é pantalla, cuns marcos nos arredores da pantalla ridículos. Todo isto tradúcese nunhas moi boas impresións ao telo na man, pois vese que se traballa cunha gran pantalla sen que semelle ter algo excesivamente grande e incómodo nas mans.

G2 camara

Tamén nos resultou curioso e á vez cómodo o feito de non contar con botóns físicos nos laterais ou partes superior/inferior. Os únicos botóns físicos (arriba, abaixo, acendido) sitúanse na parte posterior, encaixando perfectamente cos dedos para o seu manexo. É un cambio das formas de traballar, pero a verdade é que logo de levar 2 minutos co móbil na man pensas por que non todo o mundo sitúa nese punto os botóns.

A cámara é outro dos aspectos que nos gustou moito e no que LG evolucionou satisfactoriamente. Desde logo nótase que estiveron traballando neste aspecto logo de experiencias “reguleiras” como a do Nexus 4, fabricado por eles. Dispón de moitos modos de funcionamento e os resultados nas probas que puidemos facer foron de moita calidade.

A espera de poder probar o trebello con maior detenimento, diremos que as primeiras impresións foron desde logo moi positivas.

Sobre o autor

No Responses

Reply