Primeiras impresións tras probar as Google Glass

IMG_20130906_170412

 

Non hai lugar a dúbidas que un dos produtos que maior espectación está a crear nos últimos meses son as Google Glass, os lentes intelixentes cos que Google pretende marcar un antes e un despois no xeito en vivimos o noso día a día e na nosa relación cos dispostivos wearables.

Na nosa viaxe a Alemaña para descubrir todo o que a IFA de Berlín daría de sí no panorama Android, tivemos a grandísima sorte (e casualidade) de ter un primeiro achegamento ás Google Glass, probándoas durante uns 15 minutos e conversando cun dos responsábeis dun dos proxectos máis tolos dos que leva a cabo a compañía do buscador.

Antecedentes.

As Google Glass é un proxecto xurdido de Google X, o laboratorio do que saen as ideas máis extravagantes da compañía. Aí é onde estrán a traballar en automóbiles sen condutor, no Project Loon (para levar Internet a todos os rincóns da Terra a través de globos aerostáticos) ou Glass.

Déronse a coñecer no Google I/O de 2012, cunha posta en escena que incluíu un hangout (vídeochamada de Google) en directo con salto en paracaídas incluído.

As súas características técnicas inclúen unha cámara de 5 megapíxeles, 16 GB de memoria interna e 682 MB de RAM, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, conectividade WiFi e Bluetooth. Como ssitema operativo emprega unha versión modificada de Android 4.0.4 (Ice Cream Sandwich).

Que se sinte con elas postas?

Seguramente esa sexa a primeira pregunta que vos faredes: que se sinte coas Google Glass? Son cómodas? Dirémosvos que si. Non imos negar que antes de poñerlle a man enriba a este trebello, o tema da comodidade preocupábanos (molar molan moito pero… e se son incómodas?). Cando as colocas na cabeza descubres que son incribelmente lixeiras, que están moi ben compensadas e non se nota en absoluto un desequilibro entre ambos lados dos lentes (hai que ter en conta que a patilla dereita é onde se sitúa o motor dos lentes, e a esquerda queda libre) e, sobre todo, que son moi cómodas, como se non se levase nada. Como proba disto probamos a correr uns metros con elas postas e nada, non se moven do sitio.

Primeiros minutos.

Logo das primeiras impresións de comodidade comeza o realmente importante, a proba. O primeiro que sorprende é que a pantalla queda fóra do campo visual, é dicir, por riba da liña de visión. Raro? Non, ten todo o xeito, xa que se quedase diante sería moi canso (por non dicir incómodo) ter que mirar todo a través dos lentes. Situada onde está, cando non estas a usar os lentes ves normal e cando precisas mirar algo dirixes o ollo cara arriba.

Isto faise raro os 2 primeiros minutos, pero logo xa te decatas de que é un movemento lóxico e mesmo intuitivo, así que cando pensas “vou mirar isto nas Glass” inconscientemente xa dirixes a mirada cara arriba.

Ok Glass, que fago agora?

Temos unhas Google Glass, son moi cómodas, xa nos adaptamos a onde temos que mirar… e agora que? Pois agora xa podemos comezar a traballar con elas, onde xoga un papel fundamental a patilla dereita. Cun simple toque actívase (se non  os usamos durante un tempo pasa a un estado de stand by) e amosa na pantalla un “Ok Glass”, o comando básica para empregalos. Soltando esas dúas palabras desprégase un menú coas diferentes opcións, como sacar unha foto, facer un hangout, pedir indicacións para que se nos amose nun mapa, facer unha busca en Google…

Deste xeito, se lle dicimos “Ok Glass, take a picture” sacará unha foto que poderemos compartir directamente “Share to Twitter” (ou outro servizo / app que teñamos instalado). O mesmo se queremos facer unha busca en Google: “Ok Glass, google [verbo para procurar no buscador] how tall is the Big Ben”, o que fará que nos apareza a resposta.

Todo o que se fai cos lentes aparece como se fosen tarxetas de Google Now, e ir pasando dunha a outra (por exemplo, entre as diferentes mencións de Twitter) faise acariciando a patilla, un movemento que se fai por acto reflexo.

Faise algo raro recibir respostas de audio, pois non hai altofalante como tal, senón que o que temos tras a orella é un sistema semellante ao empregado nos audífonos, e síntese como se alguén estivese a nos bisbar na orella.

Cando estarán dispoñíbeis?

Non deixamos pasar a oportunidade de facer a pregunta obvia: cando? A resposta pasou por un “en principio no 2014, mais non descartamos saír antes se se cumpren determinadas condicións, pero preferimos ser cautos”.

Neste momento o proxecto atópase nun proceso de prototipo avanzado, con unidades repartidas entre desenvolvedores que están a traballar en aplicacións do máis diverso, desde algunhas que recoñecen cores para persoas con daltonismo a outras para a retransmisión de operacións cirúrxicas, por citar un par de exemplos.

Conclusións.

Malia que foi pouco tempo o que estivemos con elas, e sendo conscientes de que unha análise en profundidade dun trebello descoñecido coma este precisaría unha proba máis longa, podemos dicir que a nosa primeira experiencia foi sublime. Ficamos gratamente sorprendidos da comodidade e versatilidade que ofrecen, e reafirmámonos na convicción de que este gadget pode ter unha chea de utilidades no día a día, xa que permite traballar coas mans libres para facer máis dunha cousa á vez, ao non ter que suxeitalo e manexarse coa voz.

É evidente que son moitos os factores dos que dependerá o seu éxito ou non, como o prezo e (sobre todo) as aplicacións. Iso si, as posibilidades das Google Glass son tantas como a nosa mente sexa capaz de imaxinar.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Xaquín 9 Setembro, 2013 Responder
    • Iago Varela Martínez 9 Setembro, 2013 Responder

Reply