Presentamos a campaña Android en Galego

AEG

 

Con certa regularidade pregúntannos por que escribimos en Galego. A resposta, parafraseando a Celso Emilio, é sempre a mesma: porque si, porque nos gusta, porque nos peta e queremos”. O noso compromiso vai máis aló de ofrecer información independente sobre o mundo tecnolóxico, e particularmente sobre Android; tamén é un compromiso co País, coa súa lingua e con todas e todos vós, que disfrutades de ler contidos en galego.

O Galego é a lingua dunhas 3.108.000 persoas, e goza dunha gran presenza na Internet, onde por exemplo, no 2009, foi a 20ª lingua máis empregada no Twitter. Paralelamente, Android,  o sistema operativo ao que adicamos este blog, está presente en máis do 90% dos teléfonos intelixentes que se venden no noso País.

Malia estas cifras, Google aínda non incluíu o galego como opción no sistema operativo base, deixando en mans de fabricantes a responsabilidade de traducilo ou non nos seus respectivos trebellos. Entendemos que Google ten que pór fin a esta discriminación que está a sufrir o noso idoma, polo que decidimos poñer en marcha a campaña #AndroidEnGalego.

A campaña que iniciamos conta desde o primeiro momento co apoio de operadoras coma R Cable, empresas de desenvolvemento de aplicacións (Smart GalApps, Neobit Studio, RedInput, Zadia Software, Mobialia) e distribuidores coma Hardgalicia, ficando aberto a todas e cantas incorporacións se queiran.

Céntrase nunha web, www.androidengalego.com, na que publicamos un Manifesto e enlazamos a unha petición que será enviada á atención de Sundar Pichai, Vicepresidente de Google e responsábel de Android, Chrome e Apps, con todas as sinaturas que xuntemos. Na mesma web poderedes atopar diferentes vías de colaboración, polo que vos animamos a pasarvos por aló para apoiala e axudar na difusión.

Así mesmo, tamén están dispoñíbeis as redes sociais da campaña, onde poderedes seguir a actualidade da mesma: twitterfacebook – google+.

Agardamos a vosa colaboración para que en breve poidamos celebrar que por fin temos #AndroidEnGalego!

Sobre o autor

No Responses

Reply