Analizamos o Galaxy Xcover 2, o todoterreo de Samsung

xcover

Non son moitas as alternativas para o público máis esixente, para aquelas usuarias e usuarios activos que queren levar o seu smartphone ondequeira que van. Sen embargo, nos últimos tempos comeza a despuntar este sector, con terminais como o Sony Xperia Z ous os CAT phones do fabricane Catepillar. Hoxe traémosvos a alternativa todoterreo de Samsung, o Galaxy Xcover 2.

Deseño, acabado e conexións

Cando se ten un Xcover na man xa se intúe que se trata dun terminal deseñado para resistir, con proteción todo arredor do terminal, algo que lle dá pinta de robustez á vez que lle quita atractivo de deseño. As dimensións están menos perfiladas que noutros dispositvos, en gran medida dado o seu deseño protector. Así, conta cun grosor de 12 mm e un peso que vai aos 145 gramos.

moeda

Na parte frontal atópanse os botóns de menú, casa e atrás, sendo físicos e duros (unha vez máis, polo seu deseño para aturar golpes); os lateral esquerdo ten os botóns de volume, quedando o dereito para o botón de accendido e un acceso directo á cámara. na parte superior, coa súa lapela de proteción, está o conector jack 3.5 de audio, mentres que no inferior sitúase o cargador microUSB. Atrás está a cámara, que ten flash e anel protetor, e o altofalante (nada estético). Tamén sorprende a inclusión dunha pechadura para a tapa posterior o que permitirá selala para ter o terminal totalmente illado.

Pantalla

A pantalla do Xcover 2 é unha LCD de 4 polgadas, cunha resolución de 480 x 800 píxeles, que aínda que fica lonxe das que teñen os dispositivos máis avanzados do fabricante coreano non desmerece a imaxe. Ten boa saturación de cores e mellor xestión de brillo, co que poderemos empregar o terminal en exteriores sen problemas. Por suposto, é resistente a todo tipo de inclemencias físicas “moderadas” (golpes, rabuñadas). Poñemos entre aspas o de moderadas porque efectivamente aguanta caídas brutas, mais a ninguén se lle debera ocorrer darlle cun martelo (just in case).

Sistema operativo

Incorpora Android 4.1 Jelly Bean, ademais de TouchWiz, a capa de personalización de Samsung. Non nos imos deter demasiado neste tema, pois non aporta nada diferencial sobre outros terminais do fabricante que xa temos analizado anteriormente no blog.

Cámara

Como a meirande parte dos smartphones que se comercializan hoxe en día, o Xcover 2 incorpora dobre cámara, sendo a frontal unha VGA e a traseira de 5 megapíxeles, con flash LED e autoenfoque. Esta última, polo xeral, toma fotografías cunha calidade máis que aceptábel, aínda que en ambientes con pouca luz esta vese reducida. É de destacar a incorporación dun botón físico para a cámara, algo moi interesante tanto para o acceso rápido como para usalo coas mans suxas. Non podemos dicir o mesmo da frontal, cuxa calidade é máis ben mediocre, introducindo demasiado ruído.

Deixámosvos algunhas mostras de imaxes tomadas  diferentes condicións.

Batería

A batería do Xcover 2 sitúase nos 1700 mAh, o que nos deu durante todo o tempo que tivemos o dispositivo unha autonomía real de día e cuarto aproximadamente. É intercambiábel, e a tapa traseira incorpora un selado para evitar que entre a auga ao somerxer o terminal.

interior

Conclusións

As características técnicas do Xcover 2 pasan por un procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 1 GB de memoira RAM e 4 GB de memoria interna ampliábeis por microSD, que se ben non son o máis avanzado resultan máis que abondas para o uso que foi pensado o terminal, permitindo ter uns prezos máis axustados.

É un dispositivo orientado a un público cunhas necesidades específicas. No noso caso atopámolo moi interesante para a xente que fai deporte de aventuras ou montaña, aínda que tamén para traballadores que fagan traballos manuais ou obreiros.

Podémolo atopar por uns 250 €.

Sobre o autor

No Responses

Reply