Analizamos o Smartwatch 2, o novo reloxo intelixente Android de Sony

sony smartwatch

Xa pasou bastante tempo desde que pasou polas nosas mans o primeiro Smartwatch de Sony, un dispositivo que iniciaba unha liña de trebellos e que este fabricante quere seguir a explorar coa seguinte versión, o Smartwatch 2.

Deseño, acabado e conexión

Aínda que a priori poida parecer que os cambios físicos non son especialmente chamativos nunha primeira visual, a pouco que nos fixemos veremos que si son de gran calado. O primeiro destacábel é que desaparece a pinza coa que se suxeitaba á correa, que pasa a estar integrado, dando mellor impresión de reloxo completo. Así mesmo, o punto de carga é desta vez un conector microUSB e non o conector propietario de 4 pins que víramos no anterior modelo. Na parte dereita dereita sitúase o botón co que se poden acceder a algunhas funcións ou acender a retroiluminación

Pantalla

A pantalla, de 1,6 polgadas e unha resolución de 220 x 176 píxeles, está rodeada dun marco que incorpora na parte inferior e de forma táctil os 3 botóns típicos de Android (atrás, casa, menú). Malia non ser excesivamente grande, resulta abonda para as funcións que se agardand do trebello, aínda que non resulta de todo preciso con certas aplicacións que introducen demasiados puntos de presión.

Funciona permanentemente cando o dispositivo está acceso, amosando a hora con pouco brillo mais a un tempo permitindo a visión en calquera ambiente, independentemente da luminosidade. Para acceder ao resto de funcionalidades máis aló da hora basta con premer o botón físico.

Modo de funcionamento e widgets

Esta versión é compatíbel con dispositivos que incorporan Android 4.0 ou superior e dispón de NFC, polo que o emparellamento pode facerse empregando esta tecnoloxía de recoñecemento, aínda que a transmisión de datos faise por Bluetooth. A primeira vez que utilizamos o dispositivo úrxesenos a que instalemos a aplicación Smart Connection (Conexión Intelixente), que servirá para controlar o Smartwatch desde o teléfono.

Screenshot_2013-10-08-22-11-12Screenshot_2013-10-08-22-11-26

Desde esta aplicación poderemos configurar as nosas contas de correo, de redes sociais… e descargar unha chea de miniaplicacións ou widgets que hai preparados, tanto por Sony coma por desenvolvedores terceiros que quixeron facer cousas específicas para este trebello e que nos permitirán facer cousas tan variadas como controlar a música, consultar datos na axenda ou revisar o timeline de Twitter.

Screenshot_2013-10-08-22-11-36

Como exemplo de uso, a aplicación de Gmail avisa a cada correo que recibimos cunha pequena vibración, polo que poderemos botar un ollo ao noso pulso e ver quen envía a mensaxe e cal é o asunto, evitando ter que sacar o móbil se non é moi importante e pode agardar.

Batería

Un aspecto que víramos mediocre na versión incial e que se viu tremendamente mellorada é da batería cuxa autonomía real supera os 2 días, o que realmente é de agradecer, se temos en conta outros dispositivos semellantes. A carga faise por microUSB; se se fai co ordenador resulta algo lenta, pero é algo que se soluciona conectando cun cargador de parede.

Conclusións

Existe unha clara evolución desde o primeiro e este dispositivo, aínda que non se lle engadiron especificacións máis avanzadas que vimos no Galaxy Gear de Samsung (léase micrófono, altavoz e cámara). Sigue sendo un trebello para o consumo de notificacións, un complemento ao smartphone para que non teñamos que estar a sacalo constantemente do peto para ver se recibimos ese correo que estamos agardando ou se alguén nos contestou ao último tweet.

Ocórrensenos moitas situacións nas que un trebello coma este pode ser útil, como calquera na que teñamos que ter o móbil en silencio e precisemos estar conectados. Por iso cremos que non se trata dun dispositivo de consumo masivo, senón orientado a un público cunhas necesidades específicas.

Aproveitamos para agradecer aos compañeiros de MobileFunSpain polo préstamo desta unidade para poder facer as probas. Eles téñeno no seu catálogo por 155,49 €

Sobre o autor

Reply