Unboxing e primeiras impresións do CAT B15, un terminal para os máis esixentes

paquete

Non sorprende a ninguén o feito de que dende que os teléfonos intelixentes chegaron ao público xeral moitos foron os hábitos que cambiaron no día a día de todos nós. Se cadra non nos decatamos, pero fomos, en certa maneira, “dominados polo produto” en lugar de ser nós quen o dominásemos. Mais, iso que pode ser aceptado e, por que non, benvido nas rutinas da grande maioría dos consumidores, non resulta doado en eidos máis concretos e menos receptivos a variacións, como é o industrial.

Un teléfono intelixente adoita ser un artigo caro e que precisa máis coidados ca un teléfono móbil convencional. É por iso polo que un terminal coma, digamos, un iPhone, ou calquera Galaxy, corre moito perigo se o usamos como teléfono principal, ou único, e nos adicamos a tarefas de albanelería, carpintaría ou similares. Seguro que, máis cedo ca tarde, o teléfono acaba estragado dalgún xeito.

Hoxe en día o mercado ofrécenos opcións que atallan ditas circunstancias. Son os chamados rugged phones ou teléfonos resistentes. Exemplos son o Motorola Defy, un dos primeiros terminais en incorporar unha pantalla Gorilla Glass, ou o máis recente Samsung Galaxy XCover 2. Ambos destinados ao público xeral e centrados naqueles máis esixentes e/ou menos coidadosos, cunhas liñas algo menos delicadas, pero igualmente vistosas de xeito que poden pasar desapercibidos en calquera ámbito.

Sen embargo, o fabricante de maquinaria pesada Caterpillar, quixo darlle unha volta de rosca e asinar unha gama de terminais destinados ao mesmo público ca os produtos que comercializa. O máis recente da familia é o CAT B15, un dispositivo robusto, fabricado pola compañía británica Bullitt, que acadou a cualificación IP67, resistente a golpes, caídas de ata 1,80 metros, rascaduras, po, submersión (1 metro de profundidade durante 30 minutos) e temperaturas de -20º a 55º C.

contido

Un concepto simple e concreto que xa se deixa ver na propia embalaxe, compacta e minimalista. Decorada, simplemente, co logotipo da compañía en negro sobre o amarelo corporativo e coa imaxe do terminal nos laterais para non levar a enganos. Ao levantar a tapa da caixa atopamos xa o terminal, ben acomodado nun berce recuberto de veludo escuro, baixo o cal se atopan os compartimentos dos accesorios e pezas de reposto.

Xunto co teléfono inclúese un adaptador de corrente con conexión USB, polo que o cabo de datos serve, tamén, para cargar a batería de 2000 mAh que usa o B15. Ademais, no paquete veñen uns auriculares de tapón, que serven de mans libres, e un conxunto de pezas de reposto por se perdemos algún parafuso ou xunta de goma. E a nota orixinal pona o manual de usuario, en varios idiomas, e feito a imaxe e semellanza do dispositivo.

manual

Caracterizado por unhas liñas agrestes, case sacadas dun episodio de Battlestar Galactica, o B15 ten un acabado que evita que esvare das mans. As entradas de audio e USB están protexidas por pezas de goma para que non entre auga ou po. De xeito similar, a tapa traseira dispón de 8 puntos de ancoraxe resistentes e un pasador de seguridade.

Capaz de traballar nas bandas 850/1900 e 900/2100, con conexión de ata HSPA+, existen dúas versións do modelo. Con unha soa SIM, para determinados mercados, coma o británico, e outra con SIM Dual, dispoñible noutros puntos de Europa, cunha xestión de uso por software e configuración moi doadas, pero que pode comportar certa dificultade á hora de manexar as tarxetas para quen teña mans curtidas e dedos grosos.

dualSim

Ten unha pantalla capacitiva de 4” multi táctil, Corning Gorilla Glass, cunha resolución de 800x480px que, malia parecer pouca cousa, ten unha calidade máis ca decente e que pode ser usada cos dedos mollados. Iso si, usándoo con luvas de traballo a resposta non mellora con respecto á de calquera outro terminal convencional.

Na parte inferior da pantalla presenta os 3 típicos botóns táctiles, menú, inicio e retroceso. Tamén presenta botóns físicos, dunha rechamante cor amarela e un aspecto robusto. No lateral dereito acomoda os de volume e, flanqueado por estes, o acceso directo á aplicación da cámara. Na parte superior, o botón de acendido queda desprazado polo escondedoiro do conector de auriculares de 3,5 mm. No costado dereito, á mesma altura ca os botóns de volume, está situado o porto micro USB, tamén ben acubillado. Todo isto nunhas dimensións non pequenas, pero tampouco excesivamente grandes para os estándares actuais (125 x 69,5 x 14,95 mm) e cun peso de 172 g (coa batería a media carga).

No apartado de software, o B15 trae Android 4.1.2 Jelly Bean, sen capas personalizadas, aínda que si inclúe algunha aplicación de interese para Caterpillar, e co paquete de aplicacións de Google (GMail, GTalk, Youtube, Maps,…).

Screenshot_2013-10-10-14-13-10

Está movido por un procesador de dobre núcleo MediaTek MT6577 de 1 Ghz e 512 MB de RAM. Internamente dispón de 4 GB de almacenamento dos que, unha vez instalado o sistema e aplicacións, queda libre arredor de 1 GB. Pero pode ser ampliado mediante tarxeta micro SD. A cámara, cun modesto sensor de 5Mpx que non ofrece a mellor das calidades fotográficas, pero que se complementa cunha colección de opcións, filtros e modos de disparo que fan a experiencia algo máis rica en posibilidades. Ademais ofrece unha cámara VGA frontal para poder manter discusións cara a cara co capataz sen ter que saír da obra.

Screenshot_2013-10-08-19-15-14

Para rematar coa lista de características, tamén conta cos xa comúns GPS, Wi-Fi, Bluetooth e Radio FM, que curiosamente pode ser empregada sen auriculares, aínda que desa forma non recolle nada.

En conxunto, un dispositivo decente de gama media que, lonxe de competir con estrelas ou galaxias, ofrece unha alternativa aos profesionais máis esixentes que non poden estar seguido vixiando o teléfono móbil.

Pero como galegos que somos, non nos fiamos do que nos di o fabricante ou o vendedor. Así que toca poñelo a proba, pero con xeito. Iso significa que debe ser entregado a alguén a quen os teléfonos lle duren pouco, tirando a moi pouco. Alguén que saiba combinar precisión con potencia bruta. Alguén que achaie nos montes por costentos que sexan… Chuck Norris? Non, un traballador forestal! Non hai persoa máis indicada ca un operario de maquinaria pesada madeireira, ou se cadra, de obras públicas, para estar … Mallando no Android.

forestal

Esta análise envióunola Javier Pico. Ti tamén podes colaborar con nós dalgún dos xeitos que comentamos aquí. Foi mercado a través da tenda en liña Conrad.

Sobre o autor

3 Comments

  1. Quincho 14 Outubro, 2013 Responder
    • Javier Pico 14 Outubro, 2013 Responder
  2. bxo 15 Outubro, 2013 Responder

Reply

Deixa una resposta a Javier Pico Cancelar a resposta