Análise do LG Optimus GPro, o tabletphone de LG

LG-Optimus-G-Pro1

A medio camiño entre teléfono e tablet sitúanse os tabletphones ou phablets, dispositivos que malia entrar no peto son máis grandes do habitual. Non son terminais pensados para todos os públicos, senón para grupos que teñen necesidades específicas. Hoxe falámosvos do Optimus G Pro, o tabletphone de LG.

Deseño, acabado e conexións

O que máis chama a atención do Optimus G Pro é que como evolución do Optimus G (que xa analizamos hai un tempo) non comparte os mesmos materiais e volve ao plástico en vez do cristal. Isto débese fundamentalmente ao tamaño da súa pantalla, xa que con 5,5 polgadas empregar o cristal faríao un trebello excesivamente pesado. Tampouco conserva o  ser dunha peza, volvendo a empregar a tapa traseira para agochar a batería, a microSIM e a microSD para ampliar a memoria. Iso si, ten o mesmo ribeteado que cambia segundo a orientación da luz, o que o lle otorga un toque moito máis elegante.

Os botóns repártense nos laterais, tendo un configurábel no lateral esquerdo xunto aos de volume e o de acendido no dereito. Na parte inferior sitúase o cargador / porto microUSB e na superior o jack de audio xunto a un pequeno micrófono cancelador de ruído. O botón central frontal está rodeado dun LED multicor que é totalmente configurábel para diferentes notificacións

Pantalla

A gran pantalla que incorpora e de seguro o feito máis diferenciador deste dispositivo. Trátase dunha IPS de 5,5 polgadas cunha resolución FullHD 1080 x 1920, o que deriva nunha densidade de 401 ppi, que se ben non é a maior das existentes fica entre as máis altas. O tamaño é realmente interesante para consumo de multimedia, como poden ser vídeos en alta definición, que se ven cunha calidade perfecta, con cores realmente vivas e realistas. Tamén, ao igual ca outros dispositivos con pantallas semellantes (a Galaxy Note), é unha boa ferramenta para xente que consulte documentos ou outro material no seu dispositivo de man.

O punto máis baixo é o brillo, onde a sensación é algo inferior a outros dispositivos da marca, pero aínda así a experiencia neste sentido é superior á da competencia (lembremos que LG vén facendo as cousas moi ben neste sentido).

Sistema operativo

Vén con Android 4.1, sobre o que LG inclúe a súa capa de software. Esta incorpora certas ferramentas, como QuickMemo, que nos permite ademais de tomar notas facer capturas de pantalla coa posbilidade de debuxar sobre elas, algo realmente útil para resaltar cousas en mapas ou fotos.

Outro tema interesante son as miniaplicacións como calculadora, o reprodutor de vídeos ou o navegador que se poden lanzar sobre calquera pantalla ou aplicación que estemos a empregar. Ademais, pódese modificar a súa transparencia, como podemos ver nas seguintes imaxes.

transpa

Destaca tamén a presenza de elementos chamados a facilitar o manexo cunha soa man. Así, á hora de introducir números de teléfono ou o PIN podemos desprazar cara un lado ou outro o teclado numérico, segundo sexamos destros ou zurdos.

Screenshot_2013-10-11-20-25-47

Cámara

A cámara principal ten un sensor de 13 megapíxeles que ofrece uns resultados moi bos en todo tipo de situacións, tanto en exteriores coma en interiores e con pouca luz. A cámara frontal é de 2 megapíxeles e con ela conséguense imaxes que nos sorprenderon gratamente pola súa calidade.

Incorpora diversas funcionalidades que melloran notabelmente a experiencia de usuario, como o disparo retroactivo (saca fotos antes de que disparemos), a opción de poder activar o disparo mediante a voz ou o retoque automático de imperfeccións nas imaxes de persoas.

Batería

A batería é de 3140 mAh, cifra maior ás habituais nestes dispositivos, aínda que se temos en conta o tamaño da pantalla darémonos conta de que é axeitado. En condicións de uso intenso dá de sobras para rematar o día sen dificultades, pero non perdoa a carga diaria se non queremos quedar colgados a mediodía do segundo día.

Ao contrario que no resto de terminais que está sacando LG, este si dispón de batería externa que poderemos intercambiar no caso de ter que mudala ou querer ter un reposto.

Conclusións

Estamos, ao igual que co seu antecesor, ante un terminal de grandes prestacións e que paga a pena. O seu procesador de catro núcleos a 1,7 GHz permítenos levar a cabo todo tipo de usos co dispositivo sen ter problemas de rendemento: vai realmente ben por moito que lle esixamos.

O único “pero” que lle atopamos é que se botan en falta, nun dispositivo con pantalla tan grande, aplicacións que saquen máis partido da mesma, aínda que é certo que isto pode ser suplido buscando na Play Store sen maiores complicacións.

Pódese adquirir en diversos establecementos por arredor de 500 euros, polo que ten unha das mellores relacións calidade-prezo.

Sobre o autor

No Responses

Reply