Analizamos o Nexus 7 – Edición 2013

nexus 7 2013

Hai algo menos dun ano analizabamos neste blog a Nexus 7, un dispositivo co que Google pretendeu (e en certa maneira conseguiu) romper o mercado das tablets de 7 polgadas a un prezo axustado, que recibiría o seu reemplazo o pasado 24 de xullo cunha revisión deste trebello, sen grandes cambios máis aló dunha actualización de características.

Deseño, acabado e conexións

O deseño da Nexus 7 2013 é bastante semellante á versión anterior, mudando os acabados, que neste caso pasan a ser en plástico liso coa palabra Nexus serigrafiada lonxitudinalmente. Os 3 botóns físicos (acendido/apagado da pantalla e controis de volume) sitúanse no lateral dereito do dispositivo, quedando o jack de audio na parte superior e o microUSB n inferior.

nexus7 2013 2

Aínda que o tamaño é axeitado en vertical, chama a atención o ancho dos marcos que arrodean a pantalla na parte superior e inferior, debidos a que están pensados para que sexa neses espazos onde situemos as mans ao soster o trebello cando, por exemplo, vemos un vídeo con el. Nese marco sitúase a cámara frontal, na parte superior, e un LED para notificacións na parte frontal inferior. A capa traseira da tablet fica reservada para a cámara e os altofalantes.

Pantalla

Sen dúbida un dos elementos nos que os cambios son máis evidentes entre ambas versións da Nexus 7 é a pantalla que, malia compartir tamaño, desta vez pasa a ser de alta resolución, 900 x 1200 píxeles. Este aumento de resolución é moi evidente na lectura de textos, como documentos ou libros e, sobre todo, cos xogos.

As cores que amosa son bastante realistas, aínda que ten un pequeno problema cos brillos e reflexos, sobre todo cando incide directa ou case directamente unha luz ou en exteriores.

Sistema operativo

Google aproveitou o lanzamento da Nexus 7 para presentar unha revisión de Jelly Bean, a versión 4.3, na que apenas se puideron ver cambios. O máis destacado pasa por unha revisión da interface da cámara, cambios nas notificacións, Bluetooth e o establecemento do usuario convidado, que permite que se empregue un mesmo dispositivo por varias persoas protexendo a privacidade de cada unha delas.

multiconta

Cámara

Partindo de que non cremos que a tablet sexa un dispositivo para tomar fotografías, por moita xente que se vexa pola rúa usándoas para tal fin, Google decidiu desta vez incluír un sensor básico de 5 megapíxeles, nada do outro mundo, máis ben algo cumplidor. Como podedes ver na seguinte mostra, introduce bastante ruído

A frontal ten un sensor de 1.9 megapíxeles, máis que abondo para vídeochamadas.

Batería

A batería é de 3950 mAh que, a lo menos na versión WiFi que probamos, resultaron máis que abondos como para ser empregada durante dous días de xeito intensivo, algo que se ben nunha tablet é máis habitual ca nun smartphone, é moi destacábel.

Conclusións

Se xa de por si a Nexus 7 orixinal era un dispositivo que debería ser tido en conta, coa actualización hardware desta revisión faise aínda máis apetecíbel: a calidade da súa pantalla e o son fai que sexa un produto para o consumo de todo tipo de información.

Doutra banda, o seu procesador SnapDragon de 4 núcleos a 1,5 GHz xunto cos seus 2 GB de RAM fan que sexa un dispositivo potente para todo tipo de usos. Aemais, dispón de pequenos detalles que aumentan as súas posibilidades, como OTG, NFC, SlimPort e carga inarámica. Con isto, a Nexus 7 convírtese nunha das tablets con mellor relación calidade – prezo.

Está dispoñíbel en 3 versións, WiFi + 16 GB de memoria interna por 229 €, WiFi + 32 GB de memoria interna por 269 € e WiFi + 3G/4G por 349 € e pódense mercar na Play Store.

Sobre o autor

No Responses

Reply