Nestas épocas de peche de empresas, despidos en multinacionais, antigos colosos que rozan a quebra… falar de que veñen de crear un novo fabricante é unha boa nova. Onte soubemos de que extraballadores de HTC, liderados por un antigo director desta empresa taiwanesa, veñen de crear Kazam, un fabricante de smartphones orientado a Android e coa mirada posta en Europa, onde comezarán a distribuír os seus trebellos nas próximas semanas (incluído o noso país).
Están traballando nun total de sete terminais en dúas gamas diferentes: a gama Thunder está composta polo Q4.5 e Q5.0, mentres que a gama Trooper compóñena 5 dispositivos cuxo principal fito diferenciador é o tamaño das súas pantallas, que vai desde as 3.5 ás 5.5 polgadas. Son os X3.5, X4.0, X4.5, X.5.0 e X5.5.
Polo de agora non se coñecen moitos datos sobre as características técnicas destes dispositivos, máis aló de que o Thunder X4.5 terá un procesador de 4 núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM e resolución de pantalla de 218 ppi. Sairá á venda con Android 4.2 Jelly Bean e chegarán a España en novembro nun abano de prezos entre os 100 e os 250 euros, estando dispoñíbeis libres ou través de operadoras.
Polo menos nun primeiro momento a intención é comercializar os dispositivos con Android puro, sen personalizacións, para poder actualizar máis axilmente, algo que contrasta con que non saquen os dispositivos xa con Android 4.4 – KitKat.
En calquera caso, a chegada dun novo xogador é, como diciamos, unha boa nova para o ecosistema Android. Estaríades dispostos a darlle unha oportunidade?