Analizamos o Sony Xperia Z1

Sony-Xperia-Z11

Cando Sony deu a coñecer o Xperia Z, un dispositivo que xa analizamos neste blog, deixou claro que ían apostar por un deseño diferencial e prestacións peculiares, como a somerxibilidade e resistencia a pó, sen esquecer o que os fixo famosos, a fotografía. O pasado mes de setembro presentaron en Berlín un digno sucesor, o Xperia Z1, que chegou para mellorar o pre xa era de por si bo. Co terminal xa á venda desde hai unha semanas, vimos de probalo para facer esta análise

Deseño, acabado e conexións

No plano estético, achamos moi poucas diferenzas entre o Xperia Z1 e o seu predecesor, o Xperia Z: mantéñense as liñas rectas e, se cadra, minimalista. Cunha ollada fugaz costa saber se temos o terminal coa pantalla cara arriba ou coa parte posterior, pois Sony coidou cada detalle para que dianteira e traseira teñan unha pinta acristalada. Iso si, a parte posterior é moi amiga das pegadas, polo que teremos que estar tirando de trapiño se queremos manter o dispositivo limpo.

pletinas

Ambos laterais están cheos de tapiñas que cubren conectores e espazos para tarxetas (microSD e microUSB no lateral esquerdo, microSIM no dereito), que teñen como función evitar que se estraguen pola auga. Na parte superior está o conector de audio minijack e no lateral dereito botóns de acendido, volume e acceso directo á cámara.

ranuramicrosim

A verdade é que o terminal resulta algo grande e pesado na man (170 gramos), aínda que ao seu favor hai que destacar a boa colocación dos botóns, que permiten que se poida usar o dispositivo cunha soa man.

Pantalla

A pantalla, de 5 polgadas, ten unha resolución de 1080p, cunha densidade de 440p. O certo é que polo seu tamaño e a súa calidade resulta un soporte idóneo para consumir multimedia e para disfrutar de xogos se somos usuarios que se moven bastante. Así mesmo, tamén se aprecia a súa calidade ao traballar con documentos de texto, nos que non perdemos nitidez.

Seguramente o seu punto débil sexa o ángulo de visión, non tan amplo coma noutros dispositivos, mais tampouco é un factor tan relevante nun dispositivo que, ao fin e ao cabo, collemos coas mans. No lado oposto, un punto positivo é o brillo, especialmente cando manexamos o móbil en exteriores, onde disfrutamos de practicamente a mesma calidade ca en interiores.

Sistema operativo

Actualmente está na versión 4.2.2 de Android que, por suposto, vai ser actualizada a Android 4.4 (KitKat). Como podedes imaxinar, trae capa de personalización de Sony na que se inclúen ferramentas moi ligadas a xestión de redes sociais e multimedia (audio / vídeo), incluíndo Video Unlimited de Sony. Neste senso, bótanse en falta utilidades que saquen partido dunha pantalla deste tamaño.

Doutra banda, destaca a inclusión das miniaplicacións, unha moda que tamén vimos nos terminais de LG dos últimos tempos e que permite executar sobre o que estemos facendo cousas como unha minicalculadora, temporizador ou bloc de notas.

2013-11-11 23.20.47

Cámara

detallecamara

Sen lugar a dúbidas o punto máis forte deste terminal é a súa cámara de fotos, onde incorpora a súa lente G de 20,7 megapíxeles e unha apaertura f1/2.3. Os resultados son na práctica totalidade das situacións bastante positivos, incluídas as exposicións con pouca luz, onde consegue unha nitidez e unha calidade de cor por riba da competencia.

opcionscamara

Complementan o hardware da cámara un software mellorado, aínda que o procesado non sexa capaz de sacar todo o partido ao lente que incorpora este terminal. De todos os xeitos son motias as opcións que se poden personalizar na cámara, incluíndo escenas virtuais, que se ben non aportan moito valen para facer algunha imaxe divertida.

Podedes ver unha pequena mostraxe a continuación, na que se valoran diferentes escenas.

Batería

A batería ten unha capacidade nominal de 3000 mAh, co que a autonomía do dispositivo supera a media dos smartphones cos que compite, aínda que non acada os 2 días que o LG G2 acada sen problemas, con quen comparte tamaño de batería. Cun uso intensivo chegamos ao día e medio sen pasar polo cargador.

Conclusións

O seu procesador de catro núcleos a 2,2 GHz e os seus 2 GB de RAM fan que o terminal vaia tan fluído como se espera del. Unicamente hai versión de 16 GB de memoria interna, aínda que admite microSD de até 64 GB, polo que non teremos con el problemas de almacenaxe.

Outro aspecto positivo é a súa resistencia á auga e suciedade, algo que xa destacáramos tamén do Xperia Z. Non é que no MundoReal™ andemos somerxindo o móbil, pero saber que non te tes que preocupar se se che salpica é moi boa cousa. Neste senso, ampliaron a proteción aos estándares IP55/IP58 (1,5 metros de profundidade).

O Sony Xperia Z1 está orientado a un público esixente, que quere un terminal que non lle decepcione. E a nosa impresión é que non o fará. Está dispoñíbel por uns 560 – 600 €, segundo a tenda na que nos fagamos con el.

Sobre o autor

One Response

  1. zetxek 19 Novembro, 2013 Responder

Reply

Deixa una resposta a zetxek Cancelar a resposta