Vodafone e Visa impulsan os pagos NFC con Wallet e Smart Pass

vodafone nfc

A meirande parte dos smartphones Android veñen co seu respectivo chip NFC, infrautilizado por falta de estratexias reais que nos permitan levar a cabo operacións de pagamento. Se ben é certo que hai cidades que teñen unha gran implantación deste chip como método de pagamento (caso de Barcelona ou Málaga), en Galiza o tema aínda está algo verde e son poucos os establecementos que permiten o pagamento sen fíos.

Para tratar de darlle o pulo definitivo, Vodafone vén de anunciar o lanzamento de Wallet e  Smart Pass, un servizo co que pretende potenciar o uso do NFC nos nosos smartphones. Trátase dun moedeiro virtual co que se poderá pagar achegando o móbil a un TPV compatíbel (din que hai uns 300.000 en todo o Estado) grazas a ter unha tarxeta de débito ou cŕedito virtualizada na aplicación. Malia todo, a operadora pretende seguir engadindo novas funcionalidades nos próximos meses ao permitir virtualizar máis tarxetas (transporte urbano, máis de un método de pagamento, acceso a servizos…), xa que as posibilidades do NFC como método de autentificación son case ilimitadas.

Para poder disfrutar deste servizo os clientes de Vodafone deberán dispor dunha tarxeta SIM NFC da compañía, un smartphone con chip NFC (ou no seu defecto unha etiqueta que deben solicitar á operadora), e a aplicación Vodafone Wallet na que poder integrar as tarxetas.

Acordo con Visa

Para botar isto a andar, Vodafone ofrece a tarxeta Visa Vodafone SmartPass, que funciona como unha tarxeta de prepagamento que poderemos cargar desde calquera outra tarxeta real. Ademais, os primeiros 5000 usuarios recibirán 10 euros de saldo gratuíto se se recarga antes do 31 de decembro.

A configuración inicial establece un PIN unicamente para pagamentos de máis de 20 € (pagar, por exemplo, o bus urbano tendo que introducir o PIN carecería de sentido), pero pode ser modificado ao noso antollo.

Será este o impulso definitivo para os pagamentos NFC?

Sobre o autor

Reply