A Historia de Android. Anexo 2: Fragmentación

Fragmentacion_Android

Con este anexo, chegamos ao remate do noso repaso pola Historia de Android que levamos facendo desde hai unhas semanas.

Pensamos que o tema da fragmentación é un tema delicado e, sen dúbida, un problema para os usuarios. Cando falamos de fragmentación, facemos alusión ás diferentes versións do sistema operativo que nos atopamos no mercado ao mesmo tempo e da imposibilidade de que os terminais “máis antigos” (nada esaxerado, meses) sexan actualizados ás versións máis novas de Android.

Recentemente, saiu unha nova que reflexaba que Jelly Bean xa estaba en maís da metade cos dispositivos Android, como podemos ver no seguinte gráfico:

androidoctubre2013

Sen negar a evidencia, se queremos interpretar ben os datos, vemos que Jelly Beam foi a a versión de referencia durante 16 meses até que saiu KitKat, polo que se se atopa na maioría dos dispositivos activos non é nin máis nin menos ca por unha sorte de selección natural, onde os dispositivos máis antigos vanse cambiando por outros máis novos e que saen á venda xa con esta versión. Malia todo, o problema mantense porque aínda son moitos os terminais máis antigos que quedan en funcionamento e sen actualizar.

Ás veces, as actualizacións non supoñen cambios importantes máis aló de engadir pequenas funcionalidades ou compatibilidades con novos sensores. O malestar dos usuarios xurde cando se trata de actualizacións que resultan un salto de calidade pero que, por diferentes motivos, o trebello que posúen queda sen actualizar, sendo a única solución mercar un terminal novo compatíbel con esta nova versión ou recurrir ás ROMs non oficiais.

Para chegar ao fondo da cuestión e, se cadra, dar co responsábel ou responsábeis desta situación, debemos repartir as culpas entre a propia Google e os diferentes fabricantes. Até KitKat cada actualización precisaba características técnicas superiores (un pouco máis de memoria RAM, étc)  que a versión anterior; porén, Android 4.4 pode funcionar en terminais de tan só 512 MB de RAM. Así que, neste punto, a culpa de non facer un Android “respetuoso” co consumo de memoria é (era?) de Google.

Agora ben, é decisivo que para que un trebello sexa actualizado haxa vontade por parte do fabricante. É dicir, atopamos terminais no mercado cun hardware potente pero que non recibe actualizacións porque comercialmente non interesa, xa que poderían sacar cota de venta aos dispositivos máis recentes. Esta eiva non só afecta a terminais baratos (gama básica, de entrada), senón tamén á inmensa maioría da gama media.

Se mercas un terminal de 100€, pódemolo encadrar nunha gama de entrada e, polo traballo que hai detrás dunha actualización, ao fabricante non lle compensa actualizar (adaptación do software, da capa de personalización…): ao ano e medio mercas outro de similares características, ou algo mellor se consideras que, como usuario, precisas algo máis potente. Agora ben, se optas por un terminal de 250 – 350€ seguro que terás actualizacións de software, pero en moitos casos só será unha aínda que o hardware llo permita: simplemente ao fabricante non lle interesa seguir actualizando, transmitindo unha mensaxe clara: se queres actualizacións, merca outro.

Para nós, este son os dous puntos claves que xogan en contra para evitar a fragmentación. Agora ben, que solucións ten isto? Eis algunhas cuestións que nos podemos facer:

Maiores presións de Google aos fabricantes?

Se Google presiona en exceso, os fabricantes poden deixar un pouco de lado a inclusión de Android nos seus terminais e comezar a ter máis en conta Windows Phone, Firefox ou calquera outro sistema operativo. Punto que a Google non lle interesa nada.

Que os consumidores esixamos a Google que manteña o camiño aberto con KitKat en canto á xestión da RAM?

Seguramente esta sexa unha forma de traballar por parte de Google, como se demostrou con KitKat. Pero xa sabemos o que custa facer mudar de idea a estes xigantes.

Recorrer a ROM’s non oficiais?

Podería ser unha boa opción (de feito éa para moitos usuarios), pero xúntanse varios factores en contra: non se trata dunha solución para todo o mundo, pois esixe uns coñecementos que non todo o mundo ten e prexisa que a comunidade de desenvolvedores aposten por facer ROMs para o terminal que temos, pois non hai para todos.

Resumindo, atopar unha solución á fragmentación depende de moitos factores, polo que para un sistema tan amplo como o é Android, no que temos ducias de tamaños de pantalla e ducias de fabricantes, resulta moi complicado de conseguir.

FIN

Con este anexo damos por remantada o repaso desta breve pero máis que intensa historia do que para moitos é o mellor sistema operativo para dispositivos móbiles… até agora. Seguirá a selo no futuro?

Sobre o autor

2 Comments

  1. zetxek 28 Novembro, 2013 Responder
    • Álvaro M. Souto 28 Novembro, 2013 Responder

Reply