O Concello de Culleredo vén de lanzar a súa aplicación Android, unha ferramenta sinxela coa que pretenden que a veciñanza sexa máis partícipe da vida diaria do Concello. Dispón de diferentes apartados con información de actualidade, directorios telefónicos ou recursos para visitantes e veciños que queiran saber máis dos lugares de interese que se poden visitar no lugar.
Así mesmo, resulta moi interesante a incorporación dun apartado de incidencias, onde calquera pode enviar calquera cousa que atope en mal estado, axuntando unha fotografía e a posición no mapa. Tamén se ofrece unha caixa de suxerencias para poder achegar anonimamente o que se considere.
A aplicación pode configurarse en galego ou español, é gratuíta, e está dispoñíbel para a súa descarga desde a Play Store.