Os dispositivos modulares chamaron a nosa atención tras o descubrimento de Phoneblocks e o posterior anuncio de Motorola de estar a traballar na mesma liña. Este tipo de trebellos supoñen un gran avanzo en aras da durabilidade dos produtos, posto que resultará doado mudar un módulo que se estropea, e na personalización, posto que o usuario decide en todo momento que modulos ou bloques instalar (por exemplo unha cámara mellor, máis RAM…) dependendo das súas necesidades.
Máis preto de nós, a empresa valenciana imasD vén de anunciar que tamén está a traballar nun proxecto modular, imasD Click ARM, a primeira plataforma deste tipo baseada en arquitectura ARM, 100% configurábel e que comezará a construírse a mediados do ano que vén.
A pantalla e os semicondutores viranlles provisionados por Samsung, aínda que o círculo de colaboración vai máis aló do fabricante coreano, xa que teñen convenios con diversos proveedores españois. Entre os módulos intercambiábeis polo usuario están a memoria RAM, a de almacenaxe, o procesador (traballarán coa gama Samsung Exynos), cámara, módulos de comunicación (WiFi, 3G/4G, Bluetooth…) e sensores (GPS…).
O proxecto Click ARM conta cun presuposto de 2 millóns de euros e está orientado a sistemas operativos con Core Linux (Android, Ubuntu Touch e Tizen). Esta aposta polo software libre por parte da empresa imasD tamén se plasmará na prestación de soporte e actualizacións permanentes a través dunha plataforma aberta a desenvolvedores.
Será modular o voso próximo móbil? Que futuro lle vedes a estes sistemas?