Vuzix M100 e Lumus DK-40: as Google Glass non están soas

M100-in-use-white-690x485

As Google Glass son unhas vellas coñecidas deste blog, onde estamos a facer un seguemento especial de todas as novidades que se van coñecenedo deste agardadísimo produto de Google. Pero os tempos estanse a facer eternos para os que ansiamos que este dispositivo sexa unha realidade comercial, momento que moitos aproveitaron para desenvolver os seus lentes alternativos. É o caso de Vuzix e Lumus, sendas empresas de cuxos produtos queremos falar hoxe.

Vuzix M100

As Vuzix M100 contan cunha pantalla WQVGA con formato panorámico 16:9 e ofrecen a sensación óptica de ter un panel de 4 polgadas a uns 14 centímetros de distancia. Incorporan un procesador de 1 GHz, 1 GB de RAM, até 32 GB de memoria interna e unha cámara de fotos de 5 megapíxeles que tamén grava vídeo a 1080p.

vuzix m100

Vén cunha versión – non especificada – de Android como sistema operativo, algo que desde o fabricante consideran moi positivo, xa que permitiría, a priori, empregar os milleiros de aplicacións dispoñíbeis na Play Store. Porén, nós cremos que a mellor experiencia do usuario chegará coas aplicacións creadas especificamente para este trebello, que as hai, aínda que non se especifica nin cantas nin cales.

Outro punto positivo destes lentes é que teñen tanto conectividade Bluetooth como WiFi, polo que poderían funcionar autonomamente, é dicir, sen necesidade dun smartphone que lle dé conexión á rede.

Xa están dispoñíbeis para mercar, por 999,99 dólares (uns 730 euros ao cambio) en dúas cores (branco ou gris). Veñen ademais con dúas monturas (as dúas imaxes superiores) para que axustemos o uso destas ás nosas necesidades do momento.

Lumus DK-40

Lumus-DK40-580x342

Pola súa banda, as DK-40 veñen da man de Lumus, un fabricante especialista en crear pantallas transparentes. Esta tecnoloxía é a que aplican aos seus lentes, onde o cristal dereito é a propia pantalla, cunha resolución de 640 x 480 puntos.

Lumus-DK40-side-view-580x216

Das súas características pouco sabemos, pois aínda están en fase de desenvolvemento. Iso si, incorpora Android, procesador OMAP, cámara de 5 megapíxeles e diversos sensores.

Agárdase que sexan amosadas no próximo CES de Las Vegas, que terá lugar o mes que vén.

Que vos parecen estres produtos alternativos? Téñenvos mellor ou peor pinta ca as Google Glass?

Sobre o autor

No Responses

Reply