Google anuncia Google Edition do LG G Pad 8.3 e Sony Xperia Z Ultra

sony xperia z ultra google

Google vén de anunciar o lanzamento de dous novos dispositivos Google Edition, é dicir, que veñen con Android puro, sen personalizacións por parte do fabricante o que amplía o abano de dispositivos Nexus ou “experiencia Nexus”.

Os elixidos son a tablet LG G Pad 8.9 e o Sony Xperia Z Ultra, trebellos que non mudan as súas características técnicas sobre os dispositivos xa presentados, pero que veñen con Android 4.4 KitKat sen aditivos e cuxas actualizacións dependerán directamente da propia Google.

lg g pad 8.3 google edition

As principais características técnicas destes dous modelos son as que pasamos a lembrarvos:

O Sony Xperia Z Ultra conta cunha pantalla de 6,4 polgadas (1920 x 1080, 342 ppp), procesador de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. A súa cámara principal é de 8 megapíxeles con sensor Exmor RS, mentres que a frontal é de 2 megapíxeles.

Pola súa banda, o LG G Pad 8.3  ten unha pantalla FullHD de 8,3 polgadas (1920 x 1200, 273 ppp), procesador de catro núcleos a 1,7 GHz, dobre cámara (5 e 1,3 megapíxeles), 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis e batería de 4600 mAh.

Con eles amplíase a listaxe de dispositivos con versión Google Edition, onde xa estaban o HTC One e o Samsung Galaxy S4. Se ademais engadimos a saga Nexus (actualmente formada polo Nexus 5, Nexus 7 e Nexus 10) e os terminais de Motorola (Moto X e Moto G) seremos conscientes de que Google está a facelo moi ben no camiño de extender a experiencia pure Android con moitas opcións para escoller.

Polo de agora só se poden mercar nos USA por 650 (Sony) e 350 (LG) dólares; descoñecemos se terán pensado saír daquel país, aínda que cremos que as posibilidades son escasas.

E vós que preferides? Estes dispositivos na súa versión orixinal ou unha versión Google Edition?

Tedes máis información na Play Store (Sony Xperia Z Ultra / LG G Pad 8.3)

Sobre o autor

No Responses

Reply