Cando falamos hai un par de días de como a actualización da aplicación de Twitter introducía a posibilidade de enviar fotos nas mensaxes directas, no camiño de converterse nunha alternativa máis ás infinitas alternativas de mensaxería instantánea, descoñecíamos que tamén Instagram quería ir nesa liña.
No evento celebrado hai uns minutos os responsábeis desta rede social de fotografía adquirida por Facebook anunciaron unha nova versión da aplicación (5.0), cuxa principal novidade é a introdución de Instagram Direct, un novo xeito de compartir as imaxes ou vídeos de forma privada.
Con esta nova versión, á hora de subir contido multimedia poderemos elixir se o facemos público, polo que o poderán ver todos os nosos seguidores, ou de xeito privado, seleccionando a que (e a cantas) amigas ou amigos o enviamos. Instagram Direct informaranos tamén quen viu a imaxe, así como os “gústame” ou comentarios xerados ao fío da mesma.
Esta actualización irá chegando ao longo do día aos nosos androides. Se aínda non tedes a aplicacións instalada podedes facelo desde a Play Store