Tras a súa presentación na pasada IFA de Berlín, estes días estivemos a probar o Galaxy Note 3, o membro máis recente dunha saga coa que Samsung se confirmou como líder indiscutíbel nos tabletphones, eses dispositivos que polo seu tamaño están a medio camiño entre os smartphones e as tablets. Non en van, desde o seu lanzamento lévanse vendidas máis de 10 millóns de unidades, unhas cifras que xa de por si asuntan, pero que se pensamos neste trebello como un dispositivo para un nicho determinado de usuarios resultan aínda máis espectaculares.
Seguindo coa saga, a Note 3 conserva o particular stylus S-Pen, unha ferramenta que vai máis aló de ser un simples punteiro, xa que con el poderemos levar a cabo numerosas accións, como veremos máis adiante.
Deseño, acabado e conexións
O Galaxy Note 3 é froito dun longo traballo de deseño, no que conseguiron reducir algo o tamaño e peso desde a versión anterior á vez que se aumentaba a pantalla do dispositivo, de 5,55 a 5,7 polgadas. Malia que unha vez máis teñamos un dispositivo con acabados plásticos, o certo é que a introdución na capa traseira dunha textura que simula (con gran acerto) o coiro cosido dálle un toque moi profesional.
Arredor do trebello atopamos 3 botóns, os controis de volume no lateral esquerdo e o de acendido no dereito. Na parte superior está o conector jack 3.5 e un micrófono cancelador de ruído, mentres que na inferior temos o altofalante, o oco no que se introduce o S-Pen e o conector microUSB 3.0, que ten un conector diferente (dobre) que permite cargas máis rápidas, pero que é retrocompatíbel, polo que poderemos usar un microUSB normal para cargalo.
A parte traseira fica reservada para a cámara principal e o seu flash LED, mentres que na parte frontal atopamos o clásico botón de inicio de Samsung na parte inferior e a cámara frontal, LEDs de notificacións e sensores na parte superior.
Pantalla
Incorpora unha pantalla Full HD Super AMOLED de 5,7 polgadas, cunha resolución de 1080 x 1920 píxeles (386 ppp), o que supón un gran avanzo en calidade desde o seu predecesor (lembremos, 5,55 polgadas a 1280 x 720).
É un panel pensado para disfrutar de contidos en alta calidade, no que se reviven fielmente as imaxes captadas pola cámara e se consume calquera tipo de contido axeitadamente. A xestión do brillo tamén sufriu unha evolución digna de mención neste terminal, non importando estar baixo a incidencia directa do sol para non ter que forzar a vista ao ollar a pantalla.
Destacamos tamén o amplo ángulo de visión que ofrece este dispositivo, o que resulta interesante á hora de estar a disfrutar de contidos en grupo.
Sistema operativo
Samsung puxo á venda este terminal con Android 4.3 desde o comezo, pero obviamente xa está prevista a actualización a 4.4 KitKat. Sobre esa versión do sistema operativo está implementada Touchwiz, a capa de personalización que introduce este fabricante. Sen entrar a valorar o positivo ou non desta capa de personalización (xa sabemos que unha gran maioría dos usuarios preferiría ter Android puro nos seus trebellos), o certo é que Samsung, a diferenza doutros competidores con trebellos con pantallas grandes, introduce funcionalidades orientadas a sacarlle todo o partido a esta característica, moitas delas vencelladas ao S-Pen.
Unha das posibilidades máis básicas é a partición da pantalla, co que poderemos ter abertas dúas aplicacións a un tempo, o que facilita a produtividade. Incorpora tamén un lector de novas baseado en Flipboard, accesíbel tocando unha vez, desde a ventá principal, o botón de inicio. Ademais de ser moi cómodo, resulta bastante estético e dispón duns botóns de acceso a certas funcionalidades como o navegador ou o teléfono desde esa mesma pantalla de novas. Se no canto de unha acccionamos o botón inicio 2 veces accederemos ao S-Voice.
Sendo conscientes do gran tamaño da pantalla do Galaxy Note 3 estableceron o “Modo unha man”. Pódese activar e desactivar cantas veces se queira cun pequeno xesto e o que fai é reducir ao noso antollo a pantalla, para que sexa máis doado manexar o trebello cunha soa man, como amosamos na seguinte foto:
Xa centrados no uso do S-Pen está o Comando Air, unha ruleta que se abre cada vez que sacamos do seu oco o S-Pen ou cando o achegamos á pantalla. Como vedes na seguinte captura de pantalla, o Comando Air ten 5 funcionalidades que pasamos a detallar.
Comezando pola esquerda, o primeiro que temos é Nota de Acción. Trátase dunha pequena aplicación de notas que lembra a un post-it e que permite facer algo co que se anote. Así, se por exemplo escribimos un número que nos ditan, recoñecerao e ofreceranos a posibilidade de chamar por teléfono.
O seguinte é o que denominan Libro de Recurtes. Como o seu propio nome indica serve para almacenar cousas que vaiamos capturando, que poden ser imaxes que vemos nun artigo, anacos de captura de pantalla ou menos unha frase nun artigo web. Neste último caso resulta moi interesante o feito de que, ademais da frase recurtada tamén garde o enderezo web, por se desexamos consultar a fonte orixinal.
A continuación está a Escritura en Pantalla, que serve para facer unha captura e pintar sobre a mesma. Isto poder de gran utilidade se queremos destacar algo, como un punto nun mapa ou unha palabra nun texto.
A cuarta opción é S-Finder, unha aplicación coa que poderemos buscar todo tipo de contido que teñamos almacenado no teléfono e que se complementa con buscas na web. Ten un gran potencial se un toma a iniciativa de o empregar con xeito, pero se non estamos acostumados acabamos antes empregando outras ferramentas ás que esteamos máis afeitos.
Finalmente temos a Ventá de Lapis. Con ela poderemos debuxar un recadro na pantalla para que se nos active unha pequena xanela superposta con acceso a miniaplicacións, como calculadora ou o reloxo.
Ademais destas característica específicas deste trebello, tamén incorpora outras que xa coñecíamos doutros modelos de Samsung, nomeadamente do Galaxy S4, como a extensísima lista de botóns de activación/desactivación accesíbeis desde a barra de notificacións, os widgets na pantalla de bloqueo ou Air View, o sistema co que se amosa o contido dos cartafoles achegando o dedo, sen chegalo a posar na pantalla.
Cámara
Como todos os dispositivos de gama alta de Samsung, a cámara é un dos elementos sobresaíntes. Incorpora un sensor de 13 megapíxeles con flash LED que funciona moi ben en todos os ambientes, pero especialmente en macro.
Dispón de moitos modos de disparo, quizais os que marcan a diferenza coa competencia sexan o Sound & Shot (unha fotografía cun pequeno fragmento de audio), o Drama (montaxe de obxecto en movemento), Foto Animada (crea un gif) e o Borrado, que evita eses incómodos momentos no que alguén se nos cruza.
En canto a vídeo, é capaz de gravar contido a 4K, aínda que dada a pouca extensión deste formato de gran calidade a súa inclusión resulta practicamente anecdótica.
A cámara frontal ten un sensor de 2 megapíxeles cunha funcionalidade cumpridora. Non destaca especialmente pola calidade das súas imaxes, tendo optido mellores resultados con sensores inferiores (numericamente falando) doutros fabricantes.
Eis algunhas mostras de diferentes modos e escenas.
Batería
A batería nominal do Galaxy Note 3 é de 3200 mAh, que malia a súa gran pantalla resulta máis que suficiente para superar o trote dunha xornada completa, mesmo co Bluetooth conectado permanentemente ao Galaxy Gear. En días máis tranquilos (fin de semana), acadamos os 2 días de autonomía, polo que neste aspecto superáronse as nosas previsións.
Conclusións
Como é de prever, o seu procesador Snapdragon de catro núcleos a 2,3 GHz sumados aos 3 GB de RAM fan deste dispositivo un maquinón que responde con creces aos requerimentos máis esixentes dos usos actuais. Todo funciona ben, vai rápido, os desprazamentos son fluídos e nótase un boa relación hardware – software. Incorpora 32 GB de memoria interna, aos que se deben sumar 50 en Dropbox durante 2 anos e a posibilidade de empregar microSDs de 64 GB, polo que a capacidade non é un problema.
En definitiva, trátase dun dispositivo que non decepciona, a aposta segura para os usuarios máis esixentes, esas persoas que precisan un terminal potente para as súas labores profesionais e ocio.
O Samsung Galaxy Note pódese adquirir por arredor de 650 €, aínda que buscando por Internet atópanse tendas que o teñen máis barato. Tamén está nos catálogos de moitas operadoras que o ofrecen con diferentes plans de financiamento.