Aínda que a finais de 2012 Android xa estaba plenamente consolidado, o 2013 fixo que a distancia fronte a outros sistemas operativos aumentase, acadando unha cota de mercado de máis do 90% no Estado español. Non en ván, no ano que remata presentáronse unha chea de dispositivos Android, cada cal orientado a un público determinado.
Logo dunha longa deliberación, queremos compartir os que para o equipo de Mallando no Android son os mellores dispositivos do ano. Para ilo crimos máis xusto seleccionar o Top 3 das gamas Medias e Alta e, á parte, escoller o Mellor Smartphone do 2013. Queredes saber cales son? Imos aló:
Top 3 Gama Media
1.- Motorola Moto G.
A elección do mellor smartphone de gama non foi sinxela, pero o Motorola Moto G saiu gañador. Malia chegar hai pouco tempo, fíxoo facendo moito e ruído. E non é para menos: a relación calidade – prezo é do mellor do mercado, algo ao que xa nos teñen afeitos os terminais que están baixo o paraugas de Google. Ademais, será o primeiro gama media en actualizarse á última versión de Android, 4.4 KitKat, aló polo mes de xaneiro. Como se nota a man de Google en Motorola!
A firma española bq está tendo un ano redondo. A súa aposta co Aquaris 4.5 saíulles moi ben e, a partires dese terminal, lanzaron diferentes modelos orientados a distintos tipos de usuarios. O Aquaris 5 HD foi todo un acerto, xa que sen ser un trebello novo (trátase dunha revisión do Aquaris 5) aporta unha pantalla full HD que mellora notablemente a experiencia no apartado multimedia. Por iso é quen de merecer este segundo posto.
3.- Huawei Ascend P6.
Completa o podium o Ascend P6 da chinesa Huawei. Cremos que é un posto merecido pola súa aposta por un deseño coidado moi afastado dos primeiros terminais que chegaron a Europa, ademais do seu hardware, onde podemos destacar os seus 2 GB de RAM e procesador de catro núcleos a 1 GHz.
Top 3 Gama Alta
O primeiro posto deste Top 3 Gama Alta é para o Samsung Galaxy Note 3. Non é nin un terminal económico, nin un dispositivo para todos os usuarios. Porén, polo seu tamaño e as súas características (SnapDragon 800, 3 GB de RAM…) é o terminal ideal para todo heavy-user. Ademais, conta cunha completa capa software para sacarlle todo o partido ás súas características hardware, algo que non ofrecen outros terminais semellantes na competencia.
2.- Nexus 5.
Non podía faltar nesta listaxe o Nexus 5 de Google. Ao igual que acontecera co seu predecesor, o Nexus 5 dispón dun hardware sobresaínte (aínda que non o máis avanzado) que pasa por un procesador Snapdragon 800, 2 GB de RAM e panel Full HD por 349 €, na súa versión de 16 GB. Ademais, vén coa última versión de Android, 4.4, e ten garantido ser dos primeiros dispositivos en actualizarse cada vez que haxa unha nova versión durante a súa vida útil.
3.- Sony Xperia Z1.
Pechando a listaxe dos gama alta temos o Xperia Z1, unha aposta segura da man de Sony. Este fabricante tennos acostumados a terminais que, en xeral, son de boa calidade. Neste senso, o Xperia Z1 entra neste Top 3 por méritos propios, xa que ademais de incorporar o último en hardware é resistente á auga e ao pó, aspectos que fan que sexa un smartphone que aporta valor engadido.
Mellor Smartphone do 2013: LG G2
Rematamos este repaso ao máis destacado do panorama Android deste ano co que para nós é o Mellor Smartphone do 2013: o LG G2.
O fabricante coreano demostrou con este dispositivo que aprendeu e tomou boa nota dos seus erros durante os últimos anos, con algúns terminais que non estiveron á altura, mais tamén dos acertos, como demostrou a partir do rexurdimento vivido co Optimus G. Co G2 foron un paso máis aló presentando un dispositivo cun deseño innovador que aposta pola eliminación de botóns frontais e laterais, que pasan a situarse na parte traseira.
Malia todo, isto non valería de nada se o hardware non acompañase, pero non é o caso do G2, que dispón dunhas características técnicas excepcionais, autonomía moi superior á competencia e unha unión hardware – software optimizadísima, co que a experiencia de usuario é moi positiva. Todo ilo lévanos a outorgarlle a este terminal o premio ao Mellor Smartphone do 2013.
E para vós, cales serían os mellores Android do 2013?