Samsung fixo hai uns días o anuncio do que – a poucas horas de acabar – será o último dispositivo dado a coñecer neste 2013, na súa liña de ofrecer un amplísimo catálogo de opcións que moitas veces supoñen solapamento en prestacións con outros terminais da propia compañía.
O Galaxy Advance Core sorprende pola recuperación da botoneira central física (menú, casa, atrás), que na actualidade apenas é usada polos dispositivos de gama de entrada ou os todoterreo (terminais deseñados para aturar golpes).
Polo demais, incorpora unha pantalla de 4,7 polgadas e uns acabados semellantes ao Galaxy Note 3 (unha sorte de coiro artificial) que lle outorgan unha sensación moi agradábel ao tacto. O seu procesador é un dual core a 1,2 GHz, acompañado por 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, aínda que admite tarxetas microSD de até 64 GB. Dispón de dobre cámara, a principal de 5 e a frontal de 0,3 megapíxeles, que ademais ten unha tecla física de acceso directo. A súa batería é de 2000 mAh.
Estará dispoñíbel a comezos de ano en 2 cores a elixir (azul – deep blue / branco – pearl white) e portando Android 4.2 Jelly Bean actualizábel a novas versións por un PVP que aínda non trascendeu.