2013: O ano de Android

Aproveitando que hoxe é 31 de decembro quixemos facer este artigo no que repasamos os principais fitos do ano, un 2013 no que Android seguiu a medrar consolidándose como a alternativa maioritariamente preferida polos consumidores, cunha conta de mercado que supera o 90% no noso País.

O primeiro evento do ano foi o CES de Las Vegas, unha cita na que puidemos coñecer o Sony Xperia Z, un dispositivo que daría que falar durante todo o 2013 grazas ao seu deseño e a súa resistencia á auga, unha característica pouco habitual nos teléfonos de gama alta. Porén, meses despois coñeceríamos o Sony Xperia Z1, un terminal que, mellorando as características técnicas, conserva detalles como a colocación do botón de acendido / apagado centrado nun dos laterais para un mellor acceso.

xperiazwhitet

Por esas datas tamén aparecía con moito ruído a aposta de Canonical para plantar cara a Android cun sistema operativo móbil chamado Ubuntu Mobile, que partía coa vantaxe de que se podería instalar nos dispositivos Android actuais. Con todo, a idea foise diluíndo co tempo, en gran parte polo fracaso no seu intento de crowdfounding para construír o seu terminal, o Ubuntu Edge. A día de hoxe o proxectos está bastante parado, aínda que semella que teremos novidades a comezos de ano.

A semana anterior a que dese comezo o Mobile World Congress de Barcelona, HTC desmarcábase para presentar en solitario o seu terminal de referencia para o 2013, o HTC One, ao que teríamos unha primeira aproximación durante a feira na capital catalana e probaríamos a fondo máis adiante. Deste dispositivo destacamos o coidado á hora de escoller os materiais, cuns acabados en aluminio que sentan moi ben na man.

20130225111657

Na liña do feito durante os últimos anos, Samsung lanzou nun evento… extravagante curioso? o seu Galaxy S4, un dispositivo de gran calidade pero que realmente non aportou nada realmente novidoso ao mercado, polo que quen tivese un Galaxy S3 non tiña incentivos para facer o cambio. Nese senso, parece que os coreanos tomaron boa nota e, atendendo á rumorolía, o seguinte Galaxy si sería diferente a todo o anterior.

En abril, Mark Zuckerberg, facía oficial Facebook Home,  un launcher que centra toda a actividade do noso teléfono na nosa conta de Facebook e nas aplicacións da compañía (ou coas que ten algunha relación comercial). Chegaría cun terminal, o HTC First, e con moito movemento mediático, xa que se pensaba que ían facer un fork (un sistema operativo completo a partir dunha versión derivada de Android) e non un launcher como resultou. As críticas e o pouco interese dos usuarios neste produto convírteno no gran fracaso tecnolóxico do ano.

facebook-home-1

A seguinte parada do ano para todo androide foi o Google I/O en San Francisco, que tivo lugar pouco antes do verán. Desta xuntanza de desenvolvedores saiu Hangouts, o sistema de mensaxería unificada que sincroniza as conversas desde o navegador, Gmail, Google+ ou as aplicacións de smartphone ou tablet. Aínda que se falaba dela como unha alternativa a WhatsApp, o certo é que aínda quedan detalles por pulir para que poida ser a única aplicación de mensaxería instalada nos nosos teléfonos.

unnamed

En canto a hardware, o Google I/O tamén abriu un novo camiño ao presentar o Samsung Galaxy S4 Google Edition, un dispositivo que comparte o hardware coa versión estándar do terminal pero con Android puro, ao máis estilo Nexus. O S4 Google Edition sería o primeiro dunha saga na que tamén estarían o HTC One o Xperia Z Ultra e a tableta LG G Pad 8.3, todos eles, Google Edition.

Despois do verán chegaría a IFA en Berlín, un evento que resultou moi produtivo para nós porque puidemos probar o novo LG G2  e a tablet LG G Pad 8.3. Como lembraredes de hai uns días, para nós o LG G2 é o terminal do ano 2013 pola innovación evidente que supón a colocación na parte traseira dos botóns que resultan moi cómodos no día a día e, como non, polo seu extraordinario hardware.

LG G2

Tamén durante a IFA asistimos ao Unpacked no que se presentou o conxunto Galaxy Note 3 – Galaxy Gear de Samsung. Partindo de que a evolución da Note até a terceira versión é impresionante (un hardware impresionante cun conxunto de aplicacións moi útiles para sacarlle todo o partido ao dispositivo), se a este phablet lle engadimos un weareable como o Galaxy Gear teremos un conxunto moi apetecible. Queda claro que o reloxo intelixente aínda ten moito que evolucionar pero fainos ver o que está por chegar e todas as posibilidades coas que contaremos un futuro nada lonxano.

galaxy note 3 + gear

En outubro iniciamos a campaña #AndroidEnGalego, unha iniciativa popular coa que queríamos chamar a atención de Google para conseguirmos ter os nosos trebellos en galego, independentemente do seu fabricante. A finais de novembro tivemos o primeiro encontro formal coa xente de Google España, que nos amosou o compromiso do buscador de galeguizar o sistema operativo.

AEG

Google, que hai de novo?

Xa para ir rematando temos que nos deter en varios momentos ao longo do ano relacionados directamente con Google, máis aló do I/O. Entre os feitos máis destacados está o regreso de Motorola ao mercado mundial; a división de móbiles da empresa pioneira na telefonía móbil pasaba por malos momentos cando Google a mercou no 2011 nunha das operacións máis importantes da compañía. Logo deste movemento aínda tivemos que agardar case 2 anos para ver os novos dispositivos de Motorola, xa baixo a supervisión de Google: son o Moto X e o Moto G.

Moto X foi o primeiro en chegar, aínda que quedaría só para o mercado americano. Del destaca o seu hardware non especialmente potente pero tremendamente optimizado para ter unha sensación de gama alta por menos prezo. Meses despois viría o Moto G, un gama media moi ben optimizado e cun prezo axustado, o que o convertiu no terminal estrela deste Nadal.

Moto-G-promo

A familia Nexus tamén foi renovada este ano coa chegada do Nexus 5 e unha nova versión da Nexus 7, a Nexus 7 2013, que basicamente supuxo unha actualización das características técnicas. E canto ao Nexus 5, o salto foi notorio desde o terminal anterior; por segundo ano consecutivo LG foi o fabricante elixido para fabricar este gama alta con prezo de gama media.

wpid-Nexus-5-play-01.jpg

Outro proxecto que estivo a dar moito que falar foi o wearable de Google máis importante, as Google Glass, que tivemos a sorte de probar. Polo de agora a versión Explorer só está á venda para xente que vive nos Estados Unidos a través dun programa de convites bastante exclusivo; todo apunta a que a súa comercialización chegará a mediados de 2014. Farase o anuncio no I/O?

Pensando no software, a versión Android do 2013 foi a 4.4 – KitKat, que non supuxo grandes cambios fronte ás anteriores. A principal novidade é que pode correr en dispositivos con tan só 512 MB de RAM, o cal é un paso importante para tentar porlle freo ao importante problema coa fragmentación.

Rematamos este repaso ao 2013 agardando que o vindeiro ano sexa, como mínimo, tan produtivo e interesante como o que hoxe pechamos.

Lémonos o ano que vén!

Sobre o autor

Reply