Se hai un sistema operativo moldeábel e adaptábel a diversos dispositivos é Android. Por iso xa non sorprende que un ordenador empregue o sistema operativo de Google para funcionar, aínda que non é habitual.
O último en lanzar un trebello destas características é Acer, empresa que ten unha longa traxectoria no campo dos computadores de escritorio e portátiles; trátase do Acer TA272 HUL, un all-in-one con pantalla táctil de 27 polgadas (resolución 2560 x 1440 píxeles).
O procesador é de catro núcleos, aínda que non se detallou a frecuencia. Do resto de características facilitadas polo fabricane son dignos de mención os 16 GB de memoria interna, a presenza dunha cámara de 2 megapíxeles e as diferentes conexións (USB 3.0, HDMI, DisplayPort). Sairá á venda con Android 4.2.2 Jelly Bean
Sobre o seu prezo e dispoñibilidade, poderase adquirir neste mesmo mes de xaneiro por 1099 dólares (~808 €), aínda que só está confirmada a súa presenza nos Estados Unidos.