O fabricante chinés Lenovo é coñecido no noso país polos seus ordenadores aínda que até o de agora as súas tablets e smartphones non chegaron aos nosos mercados, algo que previsibelmente mudará nos próximos meses, cando teñen prevista unha expansión da rama de telefonía móbil.
Aproveitando o tirón mediatico do CES, Lenovo vén de presentar 4 novos smartphones, entre os que están o Vibe Z (o seu primeiro dispositivo 4G) e os A859, S930 e S650.
Lenovo Vibe Z
Ao tempo que – por fin – comezan a funcionar as redes 4G ao longo do Globo, Lenovo quixo contar cun terminal compatíbel con esta tecnoloxía e que poderíamos situar na gama alta.
O Vibe Z incorpora un panel LCD de 5,5 polgadas con resolución FullHD (1920 x 1080 píxeles, 440 ppp), procesador de catro núcleos a 2,2 GHz (Snapdragon 800), 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna. As dúas cámaras coas que conta son de 13 (traseira) e 5 (frontal) megapíxeles.
Sairá á venda en febreiro con Android 4.3 Jelly Bean aderezado cunha capa de personalización.
Lenovo S930, Lenovo S650.
Centrándonos na serie S, o S930 incorpora unha pantalla de 6 polgadas (720p), procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de memoria interna e unha batería de 3000 mAh. Pola súa banda, o S650 mantén o mesmo procesador e memorias, pero baixa a pantalla ás 4,7 polgadas e a batería a 2000 mAh. Ambos os dous levan Android 4.4 KitKat.
O S930 custará 260 euros, mentres que o S650 non chegará aos 170 euros.
Lenovo A859
Finalmente, o Lenovo A859 dispón dunha pantalla IPS de 5 polgadas e resolución HD (1280 x 720 píxeles), procesador de catro núcleos, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
As súas cámaras son de 8 e 1,6 megapíxeles, vén con Android 4.2.2 Jelly Bean e terá un PVP que rondará os 160 euros.
Con estas catro apostas para comezar o ano Lenovo establece 2 gamas claramente diferenciadas: alta e media, nesta última con poucas diferenzas entre dispositivos máis aló do tamaño da pantalla.