Parrot presenta MiniDrone e Jumping Sumo, dous novos xoguetes para os nosos smartphones

Dun tempo a esta parte os drones foron cobrando importancia e interese entre o público, sobre todo logo de ver apostas como a de Domino’s Pizza ou Amazon de usalos para facer repartos a domicilio nun futuro indeterminado. En calquera caso, e poñendo os pés na terra, o fabricante Parrot deu bastante que falar o ano pasado co seu AR.Drone, unha versión pensada para todos os petos e un uso máis doméstico.

parrot minidrone

Co CES como telón de fondo, Parrot vén de anunciar dous novos xoguetes (gadgets) que poderemos controlar co noso smartphone, o MiniDrone e Jumping Sumo, que podedes ver en funcionamento no vídeo promocional que abre este artigo.

Parrot MiniDrone é unha versión para principiantes do AR.Drone. Ademais de ser dun tamaño moito máis reducido, algo que conseguiron a costa de eliminar características como a cámara, tamén mudaron nel o xeito de conexión, pasando da WiFi ao Bluetooth, o que reduce notoriamente a distancia á que pode ser manexado.

Así mesmo, introducíronlle dúas rodas que serven para evitar choques ao manexalo en interiores ou para facer macanadas no teito e deixar á xente boquiaberta, como se ve no vídeo.

Pola súa banda, o Parrot Jumping Sumo non voa, pero salta, polo que pode dar pé a moitos (e divertidos) xogos. Conta con dúas grandes rodas que tamén protexen o corazón do trebello, e unha cámara QVGA que nos irá amosando no móbil por onde se movo.

Polo de agora Parrot non desvelou os prezos nin a dispoñibilidade dos mesmos, pero non deberan ser excesivamente careiros.

Sobre o autor

No Responses

Reply