Toshiba vén de presentar no CES o primeiro Chromebook de 13,3 polgadas, un dispositivo que integra os novos procesadores de Intel Haswell, que optimizan o rendemento conseguindo aumentar a autonomía até as 9 horas.
O Toshiba Chromebook conta cunha memoria RAM de 2 GB, 16 GB de memoria interna e 100 GB de almacenaxe en Drive. A conectividade é WiFi e Bluetooth e entre os portos físicos atopamos 2 USB 3.0, saída HDMI e lector de tarxetas 6 en 1.
Chama a atención o seu estilizado deseño e o peso, 1,36 Kg, o que fai que sexa un obxecto ideal para levar de viaxe. Estará á venda nos Estados Unidos o 16 de febreiro por 280 dólares (~200 euros), pero nada se sabe da súa posíbel posta á venda en Europa.
Cómpre lembrar que os Chromebooks non son dispositivos para todos os usuarios, senón para un público que pode desenvolver a súa actividade coas ferramentas da nube (navegar, software virtualizado, Google Drive, Office 360…).