A práctica totalidade dos smartphones Android de gama alta e cada vez máis dispositivos de gama media incorporan NFC, un chip que incrementa e facilita as posibilidades de comunicación dos nosos trebellos. Aínda que o mellor uso deste sistema son os pagos por contacto (empregar o móbil para pagar) ou a identificación, en Galiza temos poucos lugares nos que poder facelo, polo que os usos que lle podemos dar están máis ligados a obter información ou sincronizar dispositivos.
Segundo podemos ler en Vigo Low Cost, a compañía de transporte urbano de Vigo, Vitrasa, está a introducir o NFC e códigos QR ás súas paradas, de tal xeito que con só arrimar o noso smartphone á etiqueta NFC (ou, caso de non telo, escanear o código QR coa cámara) abrirásenos unha páxina na que se nos informará das liñas que pasan pola parada na que estemos e o tempo estimado de espera.
Sen lugar a dúbidas é unha boa (e innovadora) iniciativa que contrasta coa bastante mellorábel aplicación para Android da compañía que teñen na Play Store, e que non precisará que teñamos instalado nada en particular, se temos un móbil con NFC, ou chegará cun simple lector de QRs como QR Barcode Scanner ou Google Goggles.
Sí, dende logo a aplicación que lles desenrolou Imatia deixa bastante que desexar, por deseño e funcionamento.
Pois haberá que probar qué tal funciona ésto dos códigos QR, que o meu cacharriño é pobre e non ten NFC 😛