Igual aínda tedes pola casa algunha cámara con impresora incorporada, uns aparellos moi habituais na década dos 80 e que agora poden volverse pór de moda grazas á nova Polaroid Socialmatic, unha versión renovada destes trebellos que funciona con Android e que foi presentada no CES de Las Vegas.
A nova Socialmatic dispón de dobre cámara (14 e 2 megapíxeles), pantalla de 4,5 polgadas, 4 GB de almacenaxe interna ampliábeis por microSD e conectividade unicamente WiFi. Porén, o que fai especial a este trebello é que pode imprimir directamente as imaxes que se toman con ela grazas a ZINK, unha tecnoloxía de impresión sen tinta, polo que só teremos que preocuparnos de repoñer o papel.
Estará dispoñíbel en outono, aínda que non comentaron a que prezo. Será o agasallo hipster do próximo Nadal? 😉