ZTE Grand S II e ZTE Hotspot, as dúas novidades do fabricante chinés no CES

ZTE presentou diversas solucións tecnolóxicas no CES 2014, pero sen lugar a dúbidas dúas delas son as que máis darán que falar nas próximas semanas: o ZTE Grand S II, o seu novo buque insignia, e o ZTE Hotspot, un proxector portátil baseado en Android.

zte-grand-sii

Na liña dos gama alta que estamos vendo nos últimos tempos, o novo ZTE Grand S II incorpora unha pantalla FullHD de 5,5 polgadas e o procesador SnapDragon 800 de catro núcleos. As súas principais características son:

  • Pantalla de 5,5 polgadas Full HD
  • Procesador SnapDragon 800, 4 núcleos a 2,3 GHz
  • 2 GB de memoria RAM
  • 16 GB de memoria interna (ampliábeis)
  • Cámaras de 13 e 2 megapíxeles
  • Batería de 3000 mAh

Sairá á venda con Android 4.3, actualizábel, sobre o que se implementaron diversas funcionalidades extra, como o control total por voz, que nos permite manexar o teléfono con comandos, un plus que ás veces non se usa pero que pode ser de moita axuda para persoas con mobilidade reducida.

ZTE Hotspot

Doutra banda, o ZTE Hotspot é un proxector inarámico e facilmente transportábel que ademais tamén pode empregarse como punto de acceso WiFi (8 usuarios a un tempo).

Malia non ser o primeiro trebello deste estilo en reducidas dimensións, o que fai peculiar ao ZTE Hotspot é que funciona con Android, polo que poderemos ter a presentación no propio proxector, seleccionar neste un vídeo de YouTube ou o que se nos ocorra. De todos os xeitos, se preferimos seguir usando o portátil como base para a presentación poderemos conectarnos ao proxector por HDMI ou WiFi.

Conta cunha pantalla IPS de 4 polgadas, batería de 5000 mAh, conectividade WiFi e LTE (4G), batería de 5000 mAh e Android 4.2 Jelly Bean. Centrándonos no proxector, este é de tipo DLP cun brillo de 100 lumens. O tamaño xerado é de 120 polgadas cunha resolución 1080p e un ratio de contraste 1000:1.

En canto a deseño, as súas dimensións son  120 x 120 x 28,5 mm e pesa 400 gramos.

Ningún dos dous produtos ten prezo de venta nin data de saída, algo do que vos informaremos puntualmente en canto teñamos a información. Que vos parecen estes novos trebellos?

Sobre o autor

Reply