Malia estar recente o CES de Las Vegas, no que Sony presentou o seu novo Xperia Z1 Compact, o fabricante xaponés acaba de dar a coñecer dous novos dispositivos da súa gama Android, o Xperia E1 e o Xperia T2 Ultra.
O Xperia E1 é un novo smartphone de gama media que ten como principal aspecto diferenciador un altofalante de 100 dB co que consigue unha calidade de son superior e que non se verá afectada polo ruído ambiente. O seu deseño segue a liña do fabricante de facer terminais compactos con acabado Premium en calquera gama. Resumimos as principais características:
- Pantalla WVGA de 4 polgadas (800 x 480)
- Procesador dual core a 1,2 GHz
- 512 MB de RAM
- 4 GB de almacenaxe interno (ampliábeis)
- Versión simple ou dualSIM
- Batería de 1700 mAh
Doutra banda, o Xperia T2 Ultra está pensado para aquelas persoas que queren ou precisan unha pantalla grande, xa que integra un panel de 6 polgadas. Iso si, conseguiron reducir o espazo morto do teléfono que non é pantalla para que caiba nunha man
- Pantalla HD de 6 polgadas (720p)
- Procesador de catro núcelos a 1,4 GHz
- 1 GB de RAM
- 8 GB de memoria interna (ampliábeis)
- Cámara principal de 13 megapíxeles, frontal de 1.1
- Versión simple ou dualSIM
- Batería de 3000 mAh
Ambos dispositivos estarán dispoñíbeis proximamente, aínda que non se especificaron datas nin prezos. Poderanse mercar en branco, negro ou morado.