As Google Glass, a nova ferramenta dos bombeiros

Patrick Jackson, un bombeiro e programador entusiasta das Google Glass, está a traballar no desenvolvemento dunha serie de aplicacións orientadas a facilitar o traballo dos bombeiros e corpos de rescate, unindo a súa experiencia profesional coas posibilidades que ofrecen os lentes de Google.

A aplicación máis básica encárgase de alertar dunha chamada á acción, indicando o tipo de emerxencia e o enderezo ao que se teñen que dirixir. Así mesmo, actívase o modo GPS que fai uso de Google Maps para atopar a ruta máis curta, aportando as respectivas indicacións.

google glass emerxencias

Unha segunda miniaplicación permite, ante unha incidencia con lumes, atopar a boca de auga máis próxima, aínda que tamén podería amosar planos (algo que non sería tan descabelado en superficies comerciais ou edificios públicos) e os diagramas de extracción máis axeitados para a excarcelacións en accidentes de tráfico.

Non é a primeira vez que alguén desenvolve aplicacións orientadas a salvar vidas, lembremos que a empresa Droiders levou a cabo unha ferramenta para facilitar as operacións cirúrxicas que foi probada exitosamente.

Pouco a pouco vanse consolidando aplicacións e utilidades orientadas a mundos profesionais e específicos, seguramente con moita máis saída comercial que un ambiente doméstico, onde as Google Glass parece que non acaban de gustar a todo o mundo.

Sobre o autor

No Responses

Reply