10+1 ideas para reutilizar o teu vello Android

vello android

Até hai non moitos anos, as tentadoras ofertas das operadoras fixeron medrar o hábito de mudar de smartphone cada 12 ou 18 meses, unha tendencia que foi diminuíndo tras o cese das subvencións aos terminais e o comezo do modelo de pago a prazos. Porén, segue sendo moi habitual termos pola casa vellos smartphones aparcados nun caixón, que funcionan, pero que deixamos sen máis uso ca acumular pó.

Por iso hoxe queremos achegarvos esta pequena guía con 10+1 ideas para sacarlle partido aos vellos terminais. Imos aló:

1. Dispositivo para facer deporte

android deporte

Se fas deporte, seguramente haxa unha aplicación para ti entre os milleiros que aparecen na Play Store. Endomondo e Runtastic son dúas básicas, pero é cuestión de buscar un pouco até atopar a que mellor se adapte ao deporte que queiramos practicar.

As principais vantaxes de empregar un dispositivo vello é que nos permite, ademais de facer o tracking da ruta co GPS, usalo de reprodutor musical ou sacar algunha foto… todo ilo sen expoñer o noso terminal habitual a caídas ou outras desgrazas.

2.- Navegador GPS para o coche

Os dispositivos téndense a quentar moito ao usar a funcionalidade de navegación, tanto polo uso dos sensores de recepción constantemente como por ter a pantalla permanentemente activa. Por iso sempre será mellor empregar para estas funcións un dispositivo que nos importe menos que sufra.

Aínda que existen GPS tradicionais con mapas moi bos, como TomTom ou Garmin, as vantaxes de usar un dispositivo Android como navegador incrementan as posibilidades: poderemos usar Google Maps, seguramente o mellor mapa de propósito xeral que exista, grazas á combinación de mapas e servizos (establecementos, tráfico…), ou calquera outro mapa que escollamos entre as diferentes alternativas, por non falar de que os cartos que investiríamos nun GPS específico poderemos usalos para calquera outra cousa.

3.- Reprodutor musical

android musica

Apenas se fala hoxe das cadeas de música, pois os servizos en liña e a música en mp3 foron sustituíndo aos grandes reprodutores de cassettes, CDs e vinilos. Mercando uns altofalantes e un cable jack 3.5 de audio poderemos ter unha minicadea barata empregando o noso smartphone como reprodutor, evitando tamén termos que acender o ordenador.

Isto permítenos, sen gastar moitos cartos (uns altofalantes medianamente decentes non son moi caros), acceder aos servizos de música en streaming como Spotify ou Play Music, ademais de disfrutar de todas as cancións almacenadas na memoria do teléfono ou nunha tarxeta microSD.

4.- Webcam

Pode que apenas usemos a webcam nun ordenador, algo que xa traen todos os portátiles. Porén, se temos un sobremesa e non é algo que usemos con regularidade, igual nos vemos na necesidade de precisala e non tela. O noso vello smartphone poderá suplir esta eiva coa aplicación Droidcam, da que falamos hai uns anos.

5. Hotspot WiFi

android hotspot

Compartir a conexión a Internet é algo que permiten os dispositivos Android desde Android 2.2. Con esta funcionalidade (accesíbel desde os axustes de conexións inarámicas) poderemos compartir a conexión móbil creando unha rede WiFi á que se poden conectar até 5 dispositivos a un tempo.

Evitamos así termos que mercar un punto de acceso ou un módem USB, aínda que debemos ter conta de que o noso proveedor de servizos (operadora) ou tarifa permita o uso do tethering para non levar sustos coa factura.

6.- Uso como radioespertador

Unha eiva dos smartphones que non se daba nos vellos teléfonos móbiles é que estando apagados non fan soar a alarma. Isto obríganos a deixar o teléfono aceso – ou en modo avión – se queremos que sexa o noso esperador.

Un smartphone alternativo pode ter o uso de alarma e permitirnos así mesmo acceder a radios en liña ou tradicionais (se dispón desta funcionalidade), con independencia do que fagamos co noso teléfono habitual.

7.- Teléfono IP

Para heavy users de servizos de telefonía IP, como Skype ou clientes SIP do estilo de Zoiper, ter configurado un teléfono permanentemente na casa pode ser unha moi boa idea. Pensemos, por exemplo, en persoas que se comunican con alguén a cotío (parellas, familias, compañeiros de traballo…) durante longas conversas, a quen lles pode resultar moito máis cómodo ter un teléfono unicamente configurado para estas funcionalidades, tendo o habitual operativo mentres conversan.

8.- Reprodutor multimedia e mando a distancia

Esta é unha posibilidade para terminais que dispoñen de saída HDMI, algo reservado a gamas altas e/ou dispositivos medianamente recentes. Para os que o teñan, ter metidos filmes no teléfono ou acceder a vídeos de YouTube desde o teléfono para reproducilos nunha pantalla grande pode ser moi cómodo e evita termos que mercar un disco duro multimedia (se o noso problema non é o almacenamento, claro).

Un plus: os dispositivos que teñen infravermellos poden ser usados como mandos a distancia. Non é que sexa algo que nos vaia salvar a vida, pero nunca está de máis, non?

9.- Videoconsola de peto

android xogos

Quen teña pícaros na casa de seguro que se lle fai familiar que os pequenos anden a pedir os teléfonos para xogar ao Angry Birds ou outros minixogos do estilo. Para eses momentos nós entendemos que é moito máis seguro (para  durabilidade do noso smartphone) cederlles un terminal que non usemos por se hai algún accidente. Unha videoconsola baratiña, non si?

10.- Dispositivo para trastear

Se che pica a curiosidade por trastear co teu smartphone, probar a cambiar ROMs, xogar coas personalizacións, abrir os aparellos para ver que teñen por dentro… poder facelo nun dispositivo que xa non empregamos moito é a nosa mellor baza por se o escarallamos e acabamos por convertelo nun fermoso friki-pisapapeis.

Bonus: teléfono de recambio

Nunca se sabe; o noso flamante smartphone-último-modelo de 32 núcleos e 8 GB de RAM pode deixarnos tirados e vernos sen ningún smartphone de man no que poder configurar as aplicacións que nos manteñen conectados. Nestes casos adoita ser mellor recuperar a vella HTC Magic que nos introduxo en Android ca ter que recuperar aquel Nokia que si, ten unha autonomía de 8 semanas, pero con el só podemos mandar sms.

E vós, tedes algún Android vello pola casa? Dádeslle algún uso diferente aos que comentamos por acó?

Sobre o autor

Reply