Asus presenta novos docks e regala unha funda por mercar a Nexus 7 (2013)

Asus vén de anunciar o lanzamento de novos accesorios para unha das tablets máis exitosas do ecosistema Android, a Nexus 7 na súa versión 2013, que ademais veñen acompañadas dalgunhas promocións.

PW100

PW100

No apartado das estacións de carga presentan a nova Asus PW100 e a Asus Dock para Nexus 7 (2013). A primeira delas non só é compatíbel coa Nexus 7, tamén con outras tablets de tamaño semellante. Destaca pola súa curiosa forma triangular que permite ter colocado o dispositivo nun ángulo de 60º mentres carga, o que mellora as posibilidades de poder seguir disfrutando do seu uso. Incorpora o estándar Qi, que permite a carga inarámica nos dispositivos que o soporten e microUSB para todo o resto.

O Asus Dock está especialmente deseñado para o Nexus 7 (2013) e permite dúas posicións, horizontal e vertical. Conta con saída HDMI para poder disfrutar do contido da tablet nunha segunda pantalla con calidade 1080p.

Ambos os dous estarán dispoñíbeis a mediados de febreiro, o PW100 por 69,99 € e o Asus Dock por 39,99 €.

O que soa mellor, economicamente falando, é o regalo dunha funda Travel Cover para todas aquelas persoas que merquen unha Nexus 7 (2013) entre o 1 de febreiro e o 30 de abril. Así que, se estabades a maquinar en facervos cunha, o momento é a partir de mañá!

Nexus 7 Travel Cover

Sobre o autor

Reply