Un periférico que foi un imprescindíbel nas nosas casas é a impresora pero a día de hoxe podemos decir sen medo que pasou a ser algo accesorio. Malia todo, as empresas non deixaron de apostar por estes aparellos e coa expansión dos smartphones e tablets, desenvolveron aplicacións moi interesantes para imprimir directamente desde o noso terminal móbil.
A día de hoxe as impresoras son moi autónomas, é dicir, cada vez son máis independentes dos ordenadores: teñen WiFi, lectores de tarxetas e mesmo conexión NFC. Todo isto unido a que cada vez máis contido pasa polos smartphones ou tablets fai que teña moito senso este tipo de aplicacións.
Un punto que queremos destacar é que non é preciso que a impresora e o terminal estén conectados a unha mesma rede. Con isto conseguimos que estando na rúa, poidamos enviar un documento á impresora da casa e cando cheguemos ter todo en papel agardando por nós.
Para o artigo de hoxe seleccionamos 4 aplicacións das principais marcas de impresoras para contarvos con que posibilidades contades. Estas 4 app’s son: Epson iPrint, Brother iPrint, Canon Mobile Printing e Hp ePrint.
Epson iPrint.
Con esta aplicación, ao igual que co resto, conseguiremos imprimir de forma totalmente inarámica. Queremos destacar que dun xeito moi sinxelo podemos acceder ao contido que teñamos aloxado na nube e imprimilo directamente, é dicir, non é preciso, entrar na nube, descargar no terminal, abrir a aplicación de impresión, buscar o arquivo e enviar para imprimir.
A aplicación de Epson, permítenos buscar dunha forma moi cómoda os nosos arquivos. Para as fotos cárganos a nosa galería e para outro tipo de documentos ten un sinxelo explorador para percorrer a memoria do smartphone.
Outra opción que nos gusta desta aplicación e que desde a impresora podemos scanear o que precisemos e envialo directamente ao noso terminal, para enviar por email ou por algún outro servizo de aloxamento na nube.
Brother iPrint&Scan.
Desta aplicación queremos destacar que conta con compatibilidade NFC. Con está opción se contamos cun terminal con esta conexión e unha impresora Brother tamén compatibel, co sinxelo xesto de achegar o terminal á impresora podemos enviarlle contido para imprimir. Se alguén aló polos 90 nos di que isto ía ser posíbel, ben seguro que diríamos que estaba tolo, ou? 😉
Un punto que non nos gusta moito é que se queremos imprimir unha foto, esta aplicación non carga as carpetas da galería se non que carga unha lista que pode ser case infinita das nosas fotos, polo que atopar algo faise moi complicado. O xeito máis axeitado sería ir ao explorador para calquera tipo de arquivo co que conta Brother iPrint.
Ao igual que a aplicación de Epson, contamos coa opción de escanear e enviar ao dispositivo.
Canon Mobile Printing.
Da aplicación de Canon queremos destacar o xeito tan doado de imprimir unha web. Ten unha opción adicada a este necesidade. Agora ben, atopamos o mesmo problema que coa aplicación de Brother: cando queremos imprimir unha foto desde a opción directa que nos ofrece a aplicación, o que atopamos e unha lista infinita coas fotos que temos pero de xeito moi desordeado.
HP ePrint.
Para nós, foi a aplicación mas potente das catro analizadas. Ademáis das opcións típicas que podemos agardar deste tipo de aplicacións, HP ten un servizo que permite usar ePrint para imprimir desde lugares públicos. Se por exemplo estamos nun hotel de vacacións e o hotel está adscrito a este servizo, desde o noso terminal podemos imprimir a tarxeta de embarque para volver á casa usando a impresora do hotel. Temos que ter en conta, que a impresión podamos ter que pagala, pero entra dentro do normal.
Todas estas aplicacións están á nosa disposición na Google Play dun xeito totalmente gratuíto:
Nome da aplicación: Epson iPrint
Requerimentos: 2.2 e superiores.
Descarga: GooglePlay.
Nome da aplicación: Brother iPrint&Scan
Requirementos: 2.2 e superiores.
Descarga: GooglePlay.
Nome da aplicación: Canon Mobile Printing
Requerimentos: 2.3.3 e superiores.
Descarga: GooglePlay.
Nome da aplicación: Hp ePrint
Requerimentos: 2.3.3 e superiores.
Descarga: GooglePlay.