LG non puido gardar a sorpresa até o Mobile World Congress e vén de facer oficial en Corea a súa nova phablet, o LG G Pro 2, un dispositivo que recibe novo deseño e unha importante actualización de prestacións respecto ao modelo orixinal.
Os rumores que publicamos hai uns días non ían mal encamiñados, mais agora podemos confirmar que este dispositivo integra unha pantalla de 5,9 polgadas FullHD (1920 x 1080), que practicamente ocupa o frontal do teléfono, xa que igual que acontece no G2 apenas existen marcos e os botóns físicos sitúanse na parte posterior.
Dándolle vida ao dispositivo atopamos un procesador Qualcomm SnapDragon 800 de catro núcleos a 2,26 GHz, 3 GB de memoria RAM e 16/32 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD). A cámara principal é de 13 megapíxeles, con estabilizador de imaxe OIS+ e capaz de gravar vídeos en calidade 4K, mentres que a frontal queda nos 2,1. A batería é de 3200 mAh.
En canto a software, sae con Android 4.4 KitKat de fábrica, aínda que con capa de personalización de LG e funcionalidades extra que nos axudarán a sacarlle partido a un terminal destas dimensións. Así mesmo, tamén inclúe a funcionalidade knock-knock que activa a pantalla cun dobre toque.
Non sabemos nada de prezos e dispoñibilidade no noso país, aínda que non deberamos tardar en ter a información.