LG vén de presentar en Madrid o seu dispositivo máis novidoso e peculiar, o LG G Flex, un terminal no que destaca a súa pantalla P-OLED (Plastic OLED) curva de 6 polgadas, cunha resolución de 1280 x 720 píxeles, e a inclusión das tecnoloxías elastic coating e shelf healing, grazas ás que pode autorreparse de pequenas rabuñadas e soportar pesos de até 8 kg.
O resto de especificacións deste dispositivo non destacan sobre calquera outro gama alta, pasando por un procesador de 4 núcleos a 2,26 GHz, 2 GB de memoria RAM, 32 GB de memoria interna e cámaras de 13 e 2,1 megapíxeles. A batería, seguindo a liña da compañía nos últimos terminais, é de gran capacidade (3500 mAh), aínda que adopta a forma curva para aproveitar mellor o espazo.
No que ten a ver co deseño, a curvatura (equivalente a unha circunferencia de 7 metros de radio) fai que o dispositivo se adapte perfectamente á nosa faciana, resultando moito máis cómodo de soster á hora de falar por teléfono. Os botóns físicos volven estar situados na parte traseira, posición que resulta moito máis accesíbel para o seu manexo cunha soa man.
Non se esqueceu o fabricante coreano de incluír as últimas novidades de software sobre Android 4.2.2 (será actualizado nas próximas semanas), entre as que están as que xa coñecemos co G2 e outras novas pensadas para sacarlle todo o partido á pantalla curva, como Quick Theater para acceso rápido á multimedia, a posibilidade de dividir a pantalla para facer 2 cousas a un tempo e un sistema de desbloqueo cambiante.
Dispoñibilidade e prezo
En canto á súa comercialización, o LG G Flex pódese adquirir a través de Vodafone, operadora que o comercializará en exclusiva durante 3 meses, e no mercado libre por 799 € a partir da próxima semana.
Coa operadora vermella, o prezo do terminal depende da tarifa e do que se teña contratado. Son os que figuran na seguinte táboa:
Tarifa \ Contrato | Portab./renova | 2ª liña | Con ADSL |
Base GB | 199 € +30,36 €/mes | 199 € +30,36 €/mes | 199 € +54,56 €/mes |
Smart S | 179 € +37,36 €/mes | 179 € +31,36 €/mes | 179 € +61,56 €/mes |
Smart M | 159 € +44,36 €/mes | 159 € +38,36 €/mes | 159 € +68,56 €/mes |
Yu | 139 € +45,98 €/mes | NON DISP | NON DISP |
RED S | 139 € +49,36 €/mes | 139 € +37,36 €/mes | 139 € +67,51 €/mes |
RED M | 39 € +55,36 €/mes | 39 € +43,36 €/mes | 39 € +73,51 €/mes |
RED L | 39 € +61,36 €/mes | 39 € +49,36 €/mes | 39 € +79,51 €/mes |