A galega Smart GalApps vén de lanzar un novo proxecto en forma de aplicación, que se suma a outras ferramentas exitosas anteriores das que xa temos falado no blog, como Imos? ou Smart Weather. Trátase de Smart Covers, unha aplicación que nos permite consultar as portadas dun gran número de xornais de todo o mundo desde os nosos dispositivos.
A aplicación clasifica os xornais en diferentes categorías (xeral, deportes e economía), ademais de por países. Dispón tamén dun “modo proximidade” no que nos amosa as portadas dos xornais que se editan máis próximos a onde nos atopemos, e moi vencellado a isto un mapa no que se sitúan os lugares de publicación dos diferentes medios.
No apartado “Mis favoritos” podemos gardar aqueles xornais que consultemos habitualmente, a modo de listaxe persoal, para telos máis accesíbeis e aforrar tempo na busca. Así mesmo, en dous pasos poderemos descargar a imaxe (jpg) para conservala ou compartila a través de redes sociais ou calquera aplicación que permita enviar contido.
Smart Covers ten un coidado deseño que fai que a aplicación sexa moi atractiva, adaptándose perfectamente a smartphones e tablets de todos os tamaños. Estará dispoñíbel para descargar o vindeiro martes 25 de febreiro na Play Store.
ACTUALIZACIÓN: Xa tedes na Play Store a aplicación lista para a descarga.
Pero non tiñan xa o de “Extra! Portadas de Periódicos”? https://play.google.com/store/apps/details?id=es.udc.jporta.android.npcovers
Non sei se o desenvolvedor “Juan Porta” está dentro de “Smart GalApps”, pero na descrición das súas dúas aplicacións enlaza coa app de “Imos?”. Ademais, que a outra aplicación que ten “Chove?” resulta semellante a “Smart Weather”.
Se ao final van ser da mesma xente, haberá que pasarse á versión nova, que manterán ao día, e esquecerse das anteriores, non?.
Si, efectivamente, Juan Porta forma parte de Smart GalApps. A aplicación Smart Covers é unha revisión do proxecto inicial, Extra!, adaptado aos novos tempos e cunha interface actual 🙂