Acer vén de desvelar dous novos membros da liña de disposivos Liquid cos que quere competir na gama de entrada ofrecendo terminais económicos, unha característica amplamente demandada polos usuarios nestes tempos. Son o Liquid E3 e o Liquid Z4, e xa puidemos probalos.
Ambos dispositivos destacan por un deseño coidado, onde prima a delgadez e as aristas redondeadas que melloran a experiencia ao tacto. Así mesmo, inclúen un botón na carcasa traseira (Acer RAPID) que se pode personalizar con diferentes funcionalidades para un acceso rápido, aínda que o dispositivo estea bloqueado: pulsando pouco accederá a unha aplicación que seleccionemos e presionando máis longo á cámara, para que esté sempre operativa.
As principais características destes dispositivos resúmense na seguinte táboa:
Liquid E3 | Liquid Z4 | |
Pantalla | 4,7″ HD | 4″ |
Procesador | 1,2 GHz Quadcor | 1,3 GHz Dualcore |
RAM | 1 GB | 1 GB |
Mem. Interna | 4 GB | 4 GB |
Cámaras | 13 MP / 2 MP | 5 MP / VGA |
Versión | Androd 4.2.2 | Android 4.2.2 |
Destes datos cabe facer dúas aclaracións: ambos dispositivos compensan a falta de memoria interna coa posibilidade de ampliación por tarxetas microSD e recibirán Android 4.4 KitKat antes do verán, o que seguro será moi importante no Z4.
As primeiras impresións destes dispositivos foron bastante positivas, destacando no Liquid E3 a rapidez e fluidez coa que funciona todo e a calidade e velocidade da súa cámara. O Z4 é un dispositivo resultón, aínda que ollo, estamos a falar dun terminal de entrada, orientado apersoas que empezan cun smartphone e que tampouco lle piden moito máis aló das redes sociais e as ferramentas de mensaxería instantánea. Sobre o botón traseiro, pareceunos unha inclusión moi acertada, pois está situado nunha posición semellante ao G2, resultando moi cómodo de manexar.
Ambos os dous estarán dispoñíbeis no mes de abril, o Liquid E3 por 199 euros e o Liquid Z4 por 99 €. Que vos parecen?