Vodafone presenta Xone en España

vf xone

Vodafone vén de anunciar no Mobile World Congress de Barcelona unaxone, unha plataforma social de servizos orientada a mellorar a calidade de vida das persoas. As orixes destas ferramentas que conflúen en unaxone atopámolas en diversas startups que se comezaron independentemente e foron tantedas por Vodafone para integralas nunha única plataforma no que conflúen diversos proxectos da Internet das cousas.

Concretamente, presentáronse catro proxectos:

  • unaxone: trátase dunha plataforma social para comunicar aos nosos familiares maiores connosco a través dunha tablet Android fabricada por Lenovo, pero que vén coa interface bloqueada e extremadamente simplificada que só lles permite chatear, manter videochamadas, navegar por Internet e acceder a un calendario. Compleméntase cunha aplicación que deberá instalar a persoa que estea en contacto co ancián e que permite ter o control da tablet. unaxone comercialízase en Vodafone desde mañá, aínda que en fase beta.
  • myxone: é unha aplicación que funciona grazas á intelixencia artificial, aprendendo dos nosos usos para ofrecernos información personalizada no noso smartphone. Xa está operativa desde hai uns meses e en Mallando no Android xa a probamos.
  • drivexone: é unha solución para condutores, que permite ter no móbil o control do vehículo, recibindo alertas de mantemento e consellos para optimizar a condución. Así mesmo axuda permite facer seguemento de viaxes, ten a función “onde está o meu coche” e incorpora badges por boa condución, o que gamifica a experiencia.
  • findxone: finalmente, findxone é un pequeno aparello de rastrexo que podemos meter nunha bolsa, nun vehículo ou mesmo a unha mascota. Desde unha aplicación Android asociada pódese saber en todo momento onde está o elemente que queiramos seguir, ademais de poder facer outras cousas co historial de ubicación. Polo momento trabállase cun prototipo, pero espérase que nuns meses xa se poida comercializar.

Estes catro proxectos son os primeiros dunha lista que tenderá a incrementarse en múltiples direccións, como o ámbito sanitario, deportivo ou calquera outro relacionado coa mobilidade. Podedes atopar máis información de Vodafone Xone na páxina global da compañía.

Sobre o autor

Reply