Yotaphone anuncia o seu novo terminal, o Yotaphone 2

yotaphone

Yotaphone sorprendeunos hai un ano co seu terminal de pantalla de tinta electrónica, que podedes ver na imaxe superior, unha característica que ten previsto repetir no dispositivo que anunciou este ano durante o Mobile World Congress, o Yotaphone 2, aínda que o único que puidemos ver do novo trebello foi unha maqueta, pois non chegaron a tempo de traer a Barcelona un prototipo funcional.

Porén, desveláronnos todas as súas características, que pasarán por unha pantalla HD de 4,3 polgadas e un segundo panel de tinta de 640 x 360 megapíxeles na parte traseira. No interior integra  un procesador de dobre núcleo a 1,7 GHz, 2 GB de memoria RAM e cámaras de 13 e 1 megapíxeles. A batería é de 1800 mAh e como sistema operativo levará Android 4.2.2 – Jelly Bean.

Mais claro está, o máis destacado é novamente a súa pantalla de tinta electrónica, que se mantén todo o tempo activa e para a que a empresa está a desenvolver diferentes aplicacións. Así, por exemplo, poderemos ter widgets que nos amosan o tempo, a hora e as notificacións, polo que non teremos que andar acendendo a pantalla principal co consumo enerxético que iso supón. Iso xa o fai o modelo actual, como se ve na foto, pero no novo terán compatibilidade con moitas máis aplicacións e un marco táctil arredor da mesma para controlala, de xeito semellante aos libros electrónicos.

Preguntámoslles pola distribución europea e dixéronnos que non está asegurada, aínda que é un mercado que lles resulta moi interesante pola cantidade de dispositivos Android activos, polo que será moi probábel que cheguemos ver este dispositivo por aquí.

Sobre o autor

Reply