Se a semana pasada falamos da presentación no MWC do Stylistic de Fujitsu, un terminal especialmente deseñado para persoas maiores, Emporia, a empresa líder neste nicho de mercado, fixo o propio co seu emporiaSMART, un smartphone baseado en Android e simplificado para poder ser empregado por calquera persoa, no que se coida até o máis mínimo detalle.
Os exemplos máis destacados desta adaptación aos nosos maiores é a inclusión de teclas físicas para colgar / descolgar (que evitan ter que pensar se temos que desprazar o dedo ou clicar para establecer a comunicación) e o cargador. Este último destaca pola inclusión dunha pequena clavixa que axuda a coñecer a orientación correcta ao insertar o cabo no microUSB do terminal, aínda que se pode empregar calquera cargador universal.
As características técnicas do terminal non destacan especialmente pola súa potencia, sendo as máis salientábeis a pantalla de 4,5 polgadas, cámara de 5 megapíxeles e batería de 2600 mAh. En canto a software, está baseado en Android 4.4 – KitKat, personalizado para ter botóns grandes e incluír diversas funcionalidades que axudan a acceder a marcados rápidos, contactos ou ampliar o tamaño do texto cando é preciso.
Doutra banda, o fabricante tamén presentou no MWC unha nova versión da súa aplicación emporiaME, agora adaptada ás tablets. Trátase dunha especie de rede social que permite aos usuarios dos seus teléfonos compartir fotos ou actualizacións cos seus familiares e amizades, que poden ser ou non usuarios de Emporia, xa que está dispoñíbel para calquera dispositivo Android. Así mesmo, emporiaME permite administrar en remoto os teléfonos Emporia, o que pode resultar de gran utilidade para xestionarmos os teléfonos das avoas e avós.
Con proxectos como os desta compañía estase conseguido universalizar as novas tecnoloxías, unha necesidade básica para que todo o mundo teña acceso á información, independentemente do coñecemento das mesmas ou das discapacidades físicas dos usuarios.