As Google Glass no Mobile World Congress 2014

2014-02-25 23.35.47

Aínda  non están á venda de xeito comercial, pero as Google Glass captan a atención aló onde van. E a maior feira de telefonía móbil do mundo non ía ser menos. Os futuríbeis lentes de Google puidéronse ver polos corredores do MWC e nalgún que outro evento, como o Samsung Unpacked, onde varios dos asistentes portaban exemplares deste ansiado trebello.

2014-02-25 16.40.26

Non faltaron tampouco no Mobile empresas de desenvolvedores que achegaron as súas aplicacións para as Google Glass. É o caso de GS1, unha compañía que quere que empreguemos os lentes de Google para accións cotiás, como ir ao supermercado. Así, deron a coñecer unha aplicación para estes lentes que permite escanear os códigos de barras a través da cámara que integran, co que poden ofrecer información sobre o contido nutricional, receitas ou calquera outra utilidade relacionada.

Como exemplo, nunha demo que puidemos facer vimos como era posíbel acceder a descontos a través de cupóns que se amosaban ao consumidor tras facer o escaneo do produto, puidendo agregalos ao moedeiro dixital (Google Wallet e similares) para que se apliquen directamente ao pasar por caixa.

2014-02-25 23.34.55

Pola súa banda, a murciana Droiders, empresa que está a desenvolver diferentes aplicacións para as Google Glass (como a que permitiu facer unha intervención cirúrxica con especialistas en diferentes localizacións ou a do xornal El Mundo), organizou na sede do Mobile World Center de Barcelona o encontro Glasselona.

Nese evento os responsábeis da empresa fixeron unha introdución aos lentes intelixentes, explicando como funcionan, as súas diferentes características técnicas ou as posibilidades que teñen de cara o futuro. Ademais, os asistentes puidemos porbar diferentes utilidades das Glass para familiarizármonos co seu funcionamento.

iago varela google glass

Vuzix M100

Mais, como sabedes, as Google Glass non están soas nesta carreira por facerse co control da nosa vista e xa existen diferentes alternativas. Unha delas son as Vuzix M100, das que xa temos falado no blog. Estes lentes tamén estiveron presentes no MWC e puidemos facer un primeiro (e breve) achegamento.

vuzix m100 iago varela

As especificacións técnicas deste aparello son, numericamente, superiores ás Google Glass en diversos aspectos e a interface é máis semellante a Android como tal. Ao seu favor está que poden correr calquera aplicación Android, mais o certo é que isto tampouco é tan positivo como puidera parecer a priori, posto que na nosa opinión as aplicacións para lentes deben ser máis lixeiras e non ofrecer información completa.

De cumplirse as previsións, este ano deberíamos ter unha versión comercial das Google Glass. Se acaban por converterse nun produto de masas ou orientado a usos profesionais será unha cuestión que o tempo se encargará de resolver. Porén, as Vuzix Glass xa se poden mercar por 1000 dólares (uns 730 euros ao cambio) en dúas cores, branco e gris.

Sobre o autor

No Responses

Reply