Fitbit One, un wearable para rexistrar a nosa actividade diaria

fitbit one

Lonxe de ser unha moda pasaxeira, os wearables ou tecnoloxía de vestir chegaron para quedar, tal e como nos demostraron as últimas feiras tecnolóxicas (CES de Las Vegas e MWC), polo que este 2014 pode ser xa considerado como o ano da eclosión destes gadgets. De todos os diferentes trebellos que podemos vestir, aqueles que cuantifican a nosa actividade física son os que máis interese están a ter entre o público.

Existen infinidades de formas para este tipo de wearables, que pasan por pulseiras, reloxos ou unha simple cápsula como a FitBit One que hoxe analizamos. Aínda que a meirande parte das alternativas de gadgets para controlar a nosa actividade coinciden en cuantificar os pasos que damos ao longo do día ou as horas de sono, existen pequenos detalles que as diferenzan. No caso da FitBit One, un dos seus aspectos destacábeis é a súa capacidade de distinguir pasos de escaleiras subidas, o que permite ter un resultado máis preciso, ofrecendo pasos e andares subidos no día.

Para comezar a usar unha Fitbit One debemos abrir unha conta persoal na área privada da súa páxina web: trátase dun panel no que se garda o historial da nosa actividade e no que podemos interactuar con outros contactos ou amigos. Se xa temos usuario creado, bastará con que rexistremos o gadget na nosa conta, para poder comezar a cuantificar a información, que sincronizaremos co panel a través do pincho Bluetooth – USB no ordenador ou, moito máis axil, coa aplicación para Android. Para que comece a medir a nosa actividade simplemente debemos introducila no peto do pantalón, solta ou enganchada cunha pinza incluída no paquete orixinal.

capturas app fitbit one
A aplicación que podemos instalar nos nosos dispositivos Android ten unha interface sinxela e moi coidada, na que podemos ver día a día o número de pasos dados, calorías queimadas, plantas subidas e minutos nos que estivemos en actividade alta. Así mesmo, permite introducir a cantidade de auga consumida e establecer un plan alimentario para os usuarios que queiran ter un control máis estrito. Chama a atención unha funcionalidade que permite configurar alarmas silenciosas; trátase dunha utilidade que fará vibrar a Fitbit á hora que programemos, de maneira que poderá espertarnos sen ter unha alarma sonora que esperte a quen esté a durmir connosco.
A Fitbi One tamén dispón dun modo de control de sono que nos permite calcular as horas que durmimos, cantas veces acordamos durante a noite ou o número de ocasións nas que estivemos “inquedos”. O certo é que todas estas informacións resultan de gran interese, aínda que non é a utilidade máis cómoda da One: ao non ser unha pulseria debemos introducir a cápsula nunha especie de muñequeira, ademais de ter que lembrarse de activar / desactivar manualmente o contador de horas de sono ao botarse a durmir ou segundo acordamos.
Un punto moi destacábel da FitBit One é a batería de longa duración, xa que cunha soa carga ofrece unha autonomái duns 10 días. Así mesmo, tamén resulta curiosa a introdución de mensaxes de ánimo que van aparecendo en pantalla de cando en vez.
A Fitbit One pódese adquirir por uns prezos que rondan os 90 -100 €. Usades este tipo de dispositivos?

Sobre o autor

No Responses

Reply