Hai uns días comentamos a oferta que lanza desde hoxe La Voz de Galicia para facerse cun Android por uns escasos 60 euros, e algunhas das razóns polas que non recomendamos a súa compra. Semella evidente que conseguir dispositivos bos, bonitos e baratos é tarefa complicada, aínda que por menos de 200 euros hai numerosas opcións, como o tan falado Moto G.
Porén quixemos ir un paso máis e seleccionar 3 dispositivos por menos de 100 euros, deixando claro de antemán que son terminais sinxelos e de entrada, aínda que se tivésemos que quedar con un faríamolo co Nokia X, que malia non contar cunha versión de Android ao uso pódese rootear para incluír a Play Store, como xa vos contamos hai un par de días. Os outros dous son o Alcatel One Touch S Pop e o BQ Aquaris 3.5.
Todos eles son opcións moito mellores que o ofrecido co xornal, polo que se anda alguén na casa pensando en facerse cun trebello sinxelo son opcións a considerar. Así mesmo, tamén pode ser unha boa alternativa preguntar no operador, pois dispositivos tan básicos adoitan conseguirse a 0 € con tarifas económicas.
Na seguinte táboa resumimos as características dos tres. Como aclaración, o prezo con Simyo do S Pop é para conseguir o terminal libre e sen permanencia, polo que na práctica sería practicamente o mesmo que mercalo nunha tenda libre e aforraríamos uns euros.
Alcaltel One Touch S Pop | Nokia X | BQ Aquaris 3.5 | |
Pantalla | 3.5” (320 x 480) | 4” (480 x 854 | 3.5” (320 x 480) |
Procesador | 1 GHz | 1 GHz, dobre núcleo | 1 GHz, dobre núcleo |
Memoria RAM | 512 MB | 512 MB | 1 GB |
Memoria interna | 4 GB | 4 GB | 4 GB |
Tarxetas memoria | Si (Máx 32 GB) | Si (Máx 32 GB) | Si (Máx 32 GB, inclúe 4 GB) |
Cámara | 3.15 MP | 5 MP | 2 MP / VGA |
Batería | 1400 mah | 1500 mAh | 1200 mAh |
Versión Android | 4.1 Jelly Bean | 4.1 Jelly Bean modificado | 4.2 Jelly Bean |
Prezo | 85 € (59 en Simyo) | 89 € | 99,90 € |