Analizamos o Sony Xperia Z1 Compact

Sony Xperia Z1 Compact

Dun tempo a esta parte fóronnos acostumando a que os terminais de alta gama en Android tivesen pantallas de 4,7 ou máis polgadas, quedando os dispositivos de arredor de 4 ou menos un chanzo por detrás en canto a especificacións. Por iso o lanzamento do Sony Xperia Z1 Compactque conxuga prestacións de alta gama nun tamaño máis compacto, chamou a atención dos usuarios.

Deseño, acabado e conexións

Deixando de lado o tema do tamaño, Sony non sorprendeu co deseño do Z1 Compact, practicamente igual ca no modelo estándar: liñas rectas e acabados premium nun dispositivo de calidade que parece algo máis groso do normal, aínda que é unha sensación non real debido ao tamaño inferior.

Sony Xperia Z1 Compact - lateral

Se percorremos as aristas do dispositivo vemos como na parte superior fica situado o conector de audio jack 3.5, mentres que o lateral esquerdo acolle tres pletinas baixo as que se agochan o espazo para tarxeta SIM, tarxeta de memoria microSD e conector USB; así mesmo, tamén inclúe puntos de conexión por se queremos acoplar o trebello a un dock. Do outro lado, á dereita, temos o botón de acendido, situado un chis máis arriba da metade, xunto aos botóns de subir / baixar volume. Máis abaixo, pero no mesmo lateral, ten un botón de acceso directo á cámara.

A brillante capa traseira está presidida pola cámara principal, un pouco afundida no chasis do terminal, e o seu flash LED.

Pantalla

O tamaño da pantalla é se cadra o aspecto máis diferenciador deste tope de gama de Sony, pois queda nas 4,36 polgadas (1280 x 720), cunha densidade de 342 ppi, sensibelmente inferior ao seu irmán maior. Porén, a simple vista vese que é un panel excepcional, cunha boa calidade de imaxe, viveza nas cores e gran ángulo de visión. O punto máis negativo vímolo na xestión do brillo, seguramente por un sensor non de todo calibrado, que fai que a adaptación a cambios rápidos de luminosidade sexa algo lenta.

Sistema operativo

Aínda que saiu á venda con Android 4.3, o terminal xa está actualizado á Android 4.4 KitKat, a última versión de Android, á que hai que engadir a capa de personalización Xperia UI que introduce Sony e que chega algunha que outra aplicación extra e un menú contextual que mellora sensibelmente a experiencia de usuario.

sony menu

Cámara

No apartado multimedia, as cámaras son idénticas ás que incorpora o Xperia Z1: mesmo sensores e mesmo software, que malia conseguir resultados de calidade na meirande parte das situacións poderían dar moito máis de si se o sistema de postprocesado fose superior.

Batería

A batería, de 2300 mAh, achega unha autonomía de aproximadamente día e medio de uso para quen ande trebellando nas redes sociais, correo electrónico, cámara de fotos e lecturas varias, puidendo chegar aos dous días se lle prestamos menos atención, polo que neste senso está algo por riba da media.

Conclusións

Para concluír, poderíamos dicir que o Xperia Z1 Compact é unha gran opción a considerar polos usuarios máis esixentes, os que precisen un dispositivo máis compacto e cunha pantalla máis reducida. As súas especificacións (procesador SnapDragon 800 de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis… ) asegúrannos un funcionamento fluído.

Así mesmo, cómpre lembrar que o trebello cumpre as normativas IP55 e IP58, de protección contra a suciedade e resistencia á auga, o cal é outro factor a considerar polos usuarios.

O Xperia Z1 Compact está dispoñíbel en varias cores por uns 460 €. A operadora galega R, quen nos prestou este dispositivo para a súa análise, teno en promoción este mes por 13,5 €/mes en 24 cotas (324 €). Tedes máis información aquí.

Sobre o autor

No Responses

Reply