Google presenta Android Wear, a versión de Android para os wearables

Malia que nos últimos tempos vimos diversos dispositivos wearables empregando diferentes versións de Android, até o de agora non había unha base do sistema operativo deseñada especificamente para este tipo de trebellos. Isto vén de mudar logo de que a compañía do buscador fixese oficial Android Wear, unha versión orientada a reloxos e outros dipositivos de vestir.

No vídeo que abre o artigo pódese ver a interface desta versión de Android, que nos lembra ás tarxetas de Google Now. Máis aló do estritamente visíbel, Android Wear está orientado a ser empregado con comandos de voz, onde o “OK Google” terá un papel fundamental á hora de espertar o dispositivo (p.e. “Ok Google, chama un taxi”).

Así mesmo, Android Wear tamén se preocupará de amosarnos a información que precisamos sen ter que solicitala (si, novamente como Google Now), será capaz de xestionar todas as aplicacións que se deseñen para este tipo de trebellos, axudará a monitorizar a nosa actividade física e servirá para controlar calquera outro trebello que teñamos.

android wear

Esta nova é moi importante para o o desenvolvemento dos wearables, xa que serve de estándar que permitirá máis opcións ao usuario, e tamén que haxa máis aplicacións para os diferentes dispositivos, xa que non haberá que desenvolver ferramentas para trebellos concretos.

Na páxina web de desenvolvedores teñen xa habilitado un apartado específico no que se pode atopar toda a información.

Que vos parece?

Sobre o autor

No Responses

Reply